O disco da semana: Confess, de Twin Shadow

Confess - Twin ShadowA música dos 80 trouxo moitas cousas boas… e infinidade de malas. Nese ímpeto que temos todos por subliñar o marabilloso da música doutras épocas, por momentos se nos esquece todo o esperpento que trouxo aquela década, por momentos rozando a traxedia. Porén, insistimos, unha pequena dose desa música de hai tres décadas si pagaba a pena. Envelleceu con sabedoría, e está presente como inspiración principal de moitas bandas do panorama actual. Entre os que colleron estas influencias, as adaptaron cun rollete persoal máis que acertado, e a melloraron en moitos momentos, está George Lewis Jr., ou, case mellor, Twin Shadow.

Tras un disco de debut, ‘Forget’, que conta con dous anos e que soa mellor cada vez que un o recupera de entre a súa discoteca, o dominicano (afincado nos Estados Unidos dende cativo) vén de estrear esta semana a reválida, ‘Confess’ (4AD Records, 2012), que dende hai uns meses deu algunha pista en emisoras alternativas. Como mostras dese bo facer que, adiantamos, se mantén, está a máis radio-friendly, Five Seconds, inmediata e cun retrouso sutilmente épico, dos que, cando te recostas no sofá, che fan mover os pés case máis aló da consciencia. Non convén, máis aló das típicas diferencias entre o binomio das guitarras e das bases, asumir ‘Confess’ como algo distinto a unha proposta bastante homoxénea e consolidada.

E tras consumir varias liñas falando da música dos 80, convirá dicir que, a pesar do que poden facer pensar cortes tan evocadores da época como a inicial Golden Light, ou, sobre todo, Patient, con todos e cada un dos ingredientes do que podería ser un temazo de entón, diremos que ‘Confess’ dá un paso cara adiante. Como se adoita dicir, comeza a trocar as lembranzas doutras bandas na creación dun son “Twin Shadow”. Así, en apenas dous longas duracións, os riff de guitarra de temas como You Call me On, e a personalísima voz de Lewis comezan a ter un oco propio, e a conquistarnos (permítaseme dicir, dado que se tivo a oportunidade, de que máis aínda nos directos coa formación que o acompaña).

Nos momentos de maior recollemento espiritual é onde máis esvara o disco, como en Run my heart, que aínda que se amosa como precisa, resulta selo máis para que o conxunto destaque que para un lucimento individual, que acaba chegando cando a contención abandona a preguiza. Entre as máis destacadas da metade final están Beg for the Night e, de xeito moi especial, When the Movie’s Over, de novo, paradigma do conto oitenteiro. En resumo, mesmo para que ao comezo nos amosamos algo escépticos coa progresión do tipiño este, Lewis, Twin Shadow, remata con convencerte sen artificios, sinxelamente co atractivo dunhas boas melodías e unha voz cativadora. Isto é, cos ingredientes axeitados que toda banda pop debería ofrecer, nin máis nin menos. E, ademais, acompañados dun moito de sofisticación…

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *