O disco da semana: “Arc in Round”, de Arc in Round

Nesta época de verán, aínda que os raios de sol case nin se debuxen no ceo galego ata agora, resulta complicado obter novidades de vacas sagradas da música alternativa. A meirande parte deles está facendo caixa na tempada de festivais, e, dos poucos que non o fan, tampouco atopamos demasiado no que entreternos durante estas semanas. Queda, logo, retomar as nosas vellas habilidades de investigadores, mergullarse na rede, escoitar decenas de discos, caer na conta de que a meirande parte deles son do máis esquecible… e levar algunha sorpresa agradábel, gardala como un tesouro persoal, e soñar con ese día no que o teu descubrimento único asine actuacións no Primavera Sound, e ti poidas soltar entre os colegas unha das túas frases favoritas: “a eses xa os coñecía eu hai meses” (só superada por algunha eventual, “non están mal, pero antes molaban máis”).

Pois ben, se temos que apostar por un grupo ao que aventuramos futuras loanzas, por mal que se nos dea facer de meigas, eses serán Arc in Round, que co seu disco homónimo, ‘Arc in Round (La Société Expéditionnaire , 2012) veñen de debutar deixando un bo puñado de pezas do máis solventes e diversas, sempre co shoegaze como liña editorial ben marcada, pero deixándose levar por cadencias ben diferentes, sen case solución de continuidade. Comendo algo de kraut sen apenas quitarlle a tona, e deixando para a cea temas de pop moito máis luminoso e experimental, con aires de Disco Inferno, de quen collen, dunha das súas cancións, o nome que bautiza á banda.

Para lograr este estupendo resultado, o cuarteto de Philadelphia contou, entre outros, coa colaboración de xente como Kurt Vile, que bota unha sabia man. Que “Arc in Round” vai ser un disco máis que notable faise notar xa dende os primeiros temas, sen deixar un único oco á especulación. A potencia e aceleración de II, tema que abre o disco, soa a inspiración momentánea e inmediata, pero, por contra, só é o primeiro corte ruidoso dun conxunto que ten moito de doce tamén, como amosa a seguinte One-Sided, onde comezamos a atoparnos cos continuos trocos de voces masculinas e femininas, que serán unha constante durante todo o traballo. Asi seguen, pasándose o relevo entre o punto psicodélico os tons máis oníricos.

Mesmo, en ocasións, aínda que escasas, se misturan no mesmo corte. Volume Sets All the Time tira de distorsións e decibelios, mentres as voces de Mikele Edwards engaden algo de aire entre tanta lama, formando un conxunto que ben podería ser tido en conta como o mellor do disco. E mentres Hallowed busca a linguaxe hipnótica, Spirit volve destacar como temazo, aínda que non tanto como Sounder, a medio camiño entre o shoegaze e o slowcore, buscando a irmandade con Slowdive ou Mojave 3, e deixándonos un sabor de boca estupendo. Un premio no medio da nada, dos que mellor saben, como ese billete que atopas no pantalón que levas meses sen pór. Iso é ‘Arc in Round’.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *