O disco da semana: Oshin, de DIIV

Sobre DIIV poden dicirse ben de cousas malas, e quizais non demasiadas boas. O problema é que, entre as boas, está que acaban de debutar (si, esta semana falamos doutros debutantes) cun grandísimo disco, polo que todo o malo que agora poidamos engadir ten unha importancia realmente secundaria. Digamos que tiran do que está de moda, que tanto piropo da prensa especializada presume un mal final… que máis dá. Pero, primeiro, contextualicemos. DIIV é o proxecto liderado polo imberbe Zach Cole Smith, guitarrista que vén de estar en boca de tódolos medios especializados dende hai un par de anos, grazas ao seu magnífico traballo á fronte dos neoiorquinos Beach Fossils. Unha mocidade que, como adoita ocorrer, vén tan unida ao entusiasmo, a frescura e o descaro, como a certa inseguridade sobre as táboas nos directos que por aquí deixaron.

O conto é que non sabemos se DIIV é o anuncio da morte de Beach Fossils (non parece, xa que as últimas novas é que preparan segundo disco), ou unha mera mostra da hiperactividade e diarrea creativa de Smith, que continúa coa liña condutora dun proxecto que ben poderiamos ligar coa súa banda primixenia. Continúan esas guitarras nun estraño medio camiño entre o surf e o noise pop, demasiado caótico para cadrar ben no primeiro, e quizais excesivamente optimista como para rematar de cadralos na senda duns The Jesus and Mary Chain aos que se semellan a miúdo. E ambas comparacións, a inevitable dos Beach Fossils, e a da mítica banda escocesa se plasman na instrumental (Druun), que abre ‘Oshin’ (Captured Tracks, 2012). Ese punto instrumental, esa carencia de vestido vocal sería a diferenza máis notable entre DIIV e os Fossils, con certeza.

Tornan algo as cousas con Human, onde Smith volve ás regras básicas que lle trouxeron o éxito. De feito, non se esconderon as cartas, e DIIV deuse a coñecer con este single o ano pasado xa. Aínda que o máis interesante de ‘Oshin’, quizais por descoñecido e arriscado, por exporse a algo que antes soaba máis ben atrevido, é o son velvetiano de cortes como Air Conditioning, con bucles infinitos e arrastrados, cunha cadencia ruinosa e enervante, pero chea de inspiración. Ou a enérxica Wait, que non especula nin por un segundo, que amosa as ruidosas cartas da vea máis rock de Smith, sempre envolvido polo aura dream doutras pezas, véxase Earthboy ou Follow. E tamén a vitalidade e luminosidade de Sometimes, o outro single previo de “Oshin”.

O que quedará deste disco non o sabe ninguén. O máis probable é que se vaia esquecendo, diseminando o seu calado e significancia. Ou pode que non, e sexa o primeiro dun camiño duradeiro. Non sabemos quen gañará, se DIIV ou os Beach Fossils, de momento gañamos nós. E gañamos porque parece que Smith, ben da man de Justin Payseur, ben por si soíño, vainos dar moitos momentos de gloria, polo que podedes ir, dende agora mesmo, fregando as mans. Só falta que Payseur recolla o reto, e decida triplicar a dose.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *