Isto en realidade non é ningunha sorpresa. Claro que os indies van ao cine. A ser posible, a ver filmes europeos ou de directores independentes. Ou películas desas bonitas, con música bonita e historias de nenos que van de excursión. Todo isto, como non, tamén se reflexa nos videoclips. Que indie non soñaría con poder recrear a súa película favorita nun vídeo musical? Algúns deses indies empezaron a facer cancións, lograron sacar disco e ter cartos suficientes para facer o vídeo de promoción. As eleccións son moitas veces obvias. Outras veces (posto 1), non.
11. Blur – The Universal (‘A laranxa mecánica’)
Damon Albarn e compañía tomaron prestada a estética (o branco, a maquillaxe) e o sentimento inquietante de ‘A laranxa mecánica‘ para o seu vídeo de The Universal.
10. Fountains of Wayne – Stacy’s Mum (‘Aquel excitante curso’)
Tanto a canción como o vídeo están baseados en ‘Aquel excitante curso’ (‘Fast Times at Ridgemont High‘), o filme de 1982 de Cameron Crowe. Adolescentes, escenas de piscina e fantasías con mulleres maduras.
9. Sixpence Non The Richer – Kiss Me (‘Jules e Jim’)
Este clásico dos 90 ten varios vídeos, pero o primeiro, o orixinal, é este no que recrean varias escenas do filme de Truffaut ‘Jules e Jim‘.
8. The Pipettes – Pull Shapes (‘Beyond the Valley of the Dolls’)
As Pipettes son tan sixties que ata escollendo en que películas basar os seus vídeos van ao máis de culto. ‘Beyond the Valley of the Dolls‘ é un filme de 1970 dirixido por Russ Meyer con “drama, amor, misterio e música”, como din no seu tráiler.
7. The Smashing Pumpkins – Tonight, Tonight (‘Viaxe á Lúa’)
O vídeo de Tonight, Tonight dos Smashing Pumpkins é archicoñecido, pero estivo a piques de ser moi diferente: só chegaron á idea de homenaxear ao clásico de Méliès tras descartar dúas ideas previas (unha porque os Red Hot Chili Peppers estaban a facer un vídeo igual).
6. Blur – To the End (‘O ano pasado en Marienbad’)
Máis nouvelle vague e máis Blur. O vídeo é de 1994 (nótase nas súas caras de bebés) e foi filmado en Praga, co estilo e algunhas escenas, basados no filme. Damon Albarn fai de X e Graham Coxon de M.
5. REM – Everybody Hurts (‘8 1/2’)
O vídeo de Everybody Hurts está inspirado na escena inicial do clásico de Fellini.
4. Company of Thieves – Oscar Wilde (‘Academia Rushmore‘)
O indie levado ao extremo: Company of Thieves recreando no seu vídeo unha película de Wes Anderson.
3. The Divine Comedy – Becoming more like Alfie (‘Alfie’)
Ai, Neil, Neil, como te queremos. Coñecéndoo un pouco, non é ningunha sorpesa que no vídeo de Becoming more like Alfie o noso amado Neil Hannon decidise meterse na pel de Michael Caine e xogar a ter moitas mulleres (aínda que despois a cousa se lle volva na contra).
2. Allo Darlin’ – The Polaroid Song (‘O clube dos cinco’)
Por suposto, non todo son películas dos anos 60. Os 80 tamén deron para moitos clásicos xeneracionais que todo o mundo querería homenaxear. ‘O clube dos cinco’ (‘The Breakfast Club‘) é un, e Allo Darlin’ recrean o castigo no cole e as carreiras e bailes polos corredores no seu vídeo.
1. WALE – The Breakup Song (‘500 Days of Summer’)
Séntate, porque isto é moi forte: un rapeiro homenaxeando á película de Zooey Deschanel. Si. Pouco máis hai que dicir.