O disco da semana: Ekstasis, de Julia Holter

Julia Holter - EkstasisChegamos cun pouco de atraso. Poderías coñecer grazas a este artigo a Julia Holter, namorarte do seu disco, buscar información en Internet e descubrir que tocou onte (onte, non hoxe, nin mañá) en Vigo. Non pasa nada. O concerto foi especial por moitas razóns, pero cremos que non vai a ser a última vez que a teñamos preto. Julia Holter non ten trazas de desaparecer.

Só hai que escoitar ‘Ekstasis’ (RVNG Intl., 2012) para decatarse do engano e a confusión coa que xoga e que fará que teña un longo futuro no mundo da música. O que moitos xa din que é un dos mellores discos deste ano é e á vez non é o que parece. Os oídos máis clásicos quedarán felices porque é un disco de pop, os que busquen algo máis tamén o atoparán: ‘Ekstasis’ ten aínda moito de experimental, de xogo serio coas texturas e as capas e as voces. A segunda lectura do disco é a que atrapa.

E é que incluso en temas como In the Same Room, o claro hit pop do disco, hai moito debaixo da superficie no que mergullarse. E se escoitas con atención buscando erros de principiante, non os atoparás. Todo encaixa.

A confusión vén do que un espera e do que despois ten. Sabemos que ‘Ekstasis’ é un deses discos gravados na casa, e imaxinamos a Julia Holter rodeada de xoguetes musicais, cos seus teclados e micrófonos xogando a facer collages. Esperamos un resultado lo-fi. Bo, si, pero lo-fi. Esperamos un xogo que saíu ben, experimentos de verdade.

Pero é a propia Julia Holter a que se ocupa de sacarnos da nosa confusión. Rexeita a etiqueta de experimental e basta con darlle un par de escoitas a ‘Ekstasis’ para entendelo. Non pode ser experimental porque non hai experimentos. Non é un disco de proba e a ver que pasa: Julia Holter sabe moi ben o que está a facer. Non en van é unha música adestrada cuxo amateurismo debeu de quedar alá polos seus dez anos.

Cando acaba ‘Ekstasis’ quedas un pouco indeciso. Era pop? Era algo máis? Entón volves a darlle ao play. E, sexamos claros, eu non son das que pensa que ‘Ekstasis’ sexa un dos discos de 2012, pero entendo perfectamente aos que din que si. Son obrigatorias dúas escoitas. Despois podes decidir que non e pasar a outra cousa, ou seguir dándolle ao play e quedar atrapado na espiral sonora de Julia Holter para sempre.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *