Vídeos para a fin de semana: videoclips con festas na praia!

Mañá é a noite de San Xoán! Seguro que moitos de vós tendes entre os vosos plans ir a celebralo a unha praia, estades a buscar fogueiras con boa pinta ou aínda non sabedes moi ben que facer para fuxir dos adolescentes borrachos. Non importa. San Xoán significa ir á praia ou a calquera lugar no que haxa unha fogueira, pasar a noite á intemperie porque xa é verán (de verdade, non estamos en marzo), e mirar os fogos artificiais. E por iso a nosa selección de vídeos para esta fin de semana ten esas cousas en común: videoclips con festas na praia, ou con fogueiras ou con fogos en xeral. A desfrutar!

6. Bright Eyes – Jejune Stars. Vale, non están nunha praia, nin teñen fogueira nin fogos artificiais, pero non me digades que a idea de facer palabras con fogo non mola. Unha idea para innovar mañá.

5. Vampire Weekend – Holiday. O que propoñen Vampire Weekend é tamén fantástico en termos de innovación: ir á praia vestido de época (rollo María Antonieta). Eles están de día e moitas veces na piscina, pero unha festa é unha festa. Dará tempo a ter un disfrace listo para mañá á noite?

4. Edward Sharpe & The Magnetic Zeros – Home. Neste vídeo non hai moita praia, pero si hippies correndo por espazos naturais, dando chimpos, xogando a marearse e tocando instrumentos. Non é iso San Xoán?

3. Shaky Hands – Whales Sing. Se no teu grupo de amigos hai división entre os que queren ir a algunha cala solitaria e os que din que sen xente é aburrido, non tes máis que poñer este vídeo. Acabaredes nunha praia deserta correndo, bailando, e tendo estraños espasmos. “Que setas comeron?”, preguntan nos comentarios de YouTube.

2. Feist – I Feel It All. Collede as bengalas! Feist está un pouco mal da cabeza, xa o sabemos, e neste vídeo golpea unha serie de bidóns cun pau provocando que saian chispas e fogos artificiais. Se non fose porque non parece unha actividade moi segura, proporíamos facer isto dos bidóns nalgunha praia mañá á noite…

1. MGMT – Time To Pretend. O vídeo que sen dúbida leva a palma de espírito de San Xoán: praia, paus con fogo e xente correndo e bailando. Certo que hai moitas cousas sen moito sentido, pero non intentemos entendelo todo. A psicodelia é así.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *