Non o perdas! O mellor de xullo

Ai, xullo xa marchou e con el a primeira parte do verán. Un verán no que puidemos ir á praia (houbo días de calor!), tomar algo en terrazas vendo concertos, ir a festivais e, en definitiva, desfrutar un pouco da vida ao aire libre. Despois de tantos meses pechados na casa, facía ben falta…

Agora, xa co ritmo calmado e a tranquilidade que chega en agosto, toca lembrar de que vos falamos en xullo. Xullo foi en Disquecool un mes de cine clásico, de moita moda (para todas as idades), de libros estivais e de viaxes ao noso querido Portugal. Estiveches de vacacións en xullo e non puideches lernos? Ponte ao día co máis lido do mes de xullo.

5. A nosa experta opina: Biquini, topless ou espida? A praia é un elemento importante do verán galego (acompañe o tempo ou non), pero como vestirse? É posible ir á praia e seguir sendo cool? Debemos levar bikini, facer topless ou optar polo nudismo. A opinión da nosa experta creou moita polémica entre os lectores!

4. Galicia Caníbal: indignados a ritmo dos 80. Estivemos na estrea en Vigo (e mundial!) do musical creado por Antón Reixa que leva a movida viguesa dos 80 á actualidade. Fai un sol de carallo!

3. Pepita Burger: hamburguesas evolucionadas. Unha nova parada obrigatoria para calquera cea en Vigo: un sitio de hamburguesas con carne de boa calidade e unha decoración de fantástico gusto.

2. Bichovintage: roupa con nostalxia desde Compostela. Estaba claro: tenda online + roupa vintage + Santiago de Compostela = éxito seguro. Adeus a pagar máis polos gastos de envío que pola roupa ao mercar algunha prenda vintage por Internet. Estas chegan desde a capital galega.

1. Gifs para a fin de semana: animais parviños. Porque vós, queridos lectores, sodes igualiños a nós. Moito Pinterest, moita modernez e moita intelectualidade, pero onde podedes pasar máis horas, se non vos controlades, é diante do ordenador vendo Gifs. E se son de animais, por suposto, podedes dar o voso propósito de “hoxe si” marchar á cama cedo por perdido.

PLUS. Sinsal San Simón 2012: o microparaíso segue aí. Porque o do ano pasado non foi nin un soño nin un espellismo: ir a un festival nunha illa como a de San Simón é como estar nun pequeno paraíso, sobre todo se a selección musical vén desde as cabeciñas de Sinsal. Este ano fomos felices con Alela Diane, con Alt-J, cos Hoquets e con Maïa Vidal entre outros.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *