Bichovintage, roupa con nostalxia desde Compostela

Bichovintage, roupa vintage

Hai preto dun ano falabámosche de 10 tendas online nas que mercar roupa vintage. Hoxe podemos engadir unha máis á lista, Bichovintage, que desde Santiago de Compostela ofrece a través da rede prendas únicas dos anos 50, 60, 70 e 80, de todos os estilos: swing e rockabilly, estilos retro-mod, indie, romántico ou hippie. María e Anxo están detrás deste proxecto. Economista de formación —aínda que non de vocación— ela, informático el, decidiron unir as súas paixóns hai un ano. “O vintage vai comigo, e con el as novas tecnoloxías. Que podemos facer? Unha tenda online vintage“. Bichovintage abriu as súas portais virtuais en xaneiro para ofrecer ás persoas nostálxicas roupa e complementos con historia desde a capital de Galicia.

Bichovintage, roupa vintageNa tenda online atoparás sobre todo roupa de muller, o público que polo momento respondeu mellor á iniciativa, segundo explica María. Na colección ata o de agora primaron os vestidos, que nesta tempada de verán complementan con novos produtos como chaquetas, pantalóns, monos, saias e bolsos. Proximamente incorporaranse á oferta máis complementos, como carteiras, gravatas e cintos. Tamén prendas novas, concretamente da marca inglesa Pop, que reproduce o espírito retro da roupa dos 60 e 70.

María e Anxo seleccionan persoalmente cada artigo, percorrendo almacéns, rebuscando en mercados e curioseando en stocks de tendas pequenas en lugares como Reino Unido e Nova York. Tras escoller as prendas lavan, e no seu caso, reparan os artigos.

Os estilos con mellor acollida son os das décadas dos 50, 60 e 70. “Os 80 aínda custan, coas ombreiras e as prendas máis frouxas, gustan máis os vestidos de corte triángulo, máis retro”, explica María. Dos 90 xa nin falamos. Pese a ser considerados oficialmente vintage, a súa presencia en España é aínda moi escasa, e a responsable de Bichovintage augura que a súa introdución tamén será lenta. A tenda recibe pedidos de distintos puntos de España, especialmente de Madrid, e tamén de Santiago, onde teñen entrega gratuíta. O público maioritario ronda os 30 anos, e está “relacionado coa arte e a moda, xente nostálxica atenta ás tendencias”.

Bichovintage, roupa vintageFronte ás reticencias que algunhas persoas teñen cara a roupa vintage e de segunda man, María defende a calidade e orixinalidade destas prendas. “Non é a calidade da roupa de agora, ademais non é segunda man, é roupa que polo menos teña 20 anos, non é roupa de Inditex de hai 5 anos. Son prendas orixinais, que xa non se fabrican. É raro que chegasen aos noso días, e se chegaron é porque son boas. Son prendas que sentan mellor, e ás que ti podes darlle a creatividade que queiras, mesturándoas con roupa de agora”.

Á hora de mercar roupa vintage María recomenda fixarse no tecido e nas costuras —en como está rematada a prenda—, comprobar se ten danos, e por suposto probala. “A roupa vintage está mellor feita, por iso senta mellor”, polo que anima a non deixarse levar pola primeira impresión que produce a prenda sobre a percha, e a probala sobre o propio corpo. Na web de Bichovintage cada prenda acompáñase de fotografías, unha descrición e unha guía de medidas. De todos modos, se non acertas tamén ofrecen a posibilidade de devolución.

Como proxecto de futuro, os responsables de Bichovintage barallan a idea de complementar a tenda online cun espazo físico, en forma de tenda ou showroom. “Non sabemos moi ben a fórmula, o tempo iranos dando a resposta”.

Fotos | Andrés Fraga e Bichovintage

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará