10 tendas online nas que mercar roupa vintage

Es fan da roupa dos 50, dos 60, dos 70? Lembras con nostalxia aquelas tendas de segunda man de Londres, Bruxelas ou Berlín? Por sorte para ti, (case) todo o que buscas está a uns clics de distancia. Non é tan bonito como ir de local en local, revolver e curiosear (e facer un descanso nun café con encanto), pero internet ofrece outras cousas: unha ampla oferta de prendas vintage que podes examinar sen moverte do teu sofá, moitas veces acompañada de consellos e inspiracións en forma de blog ou fotografías que te axudarán a escoller as prendas que mellor se adapten ao teu estilo.

Na rede abundan este tipo de tendas, pero en Disquecool recomendámosche as nosas 10 favoritas:

1. Adore Vintage. Adorable, elegante e inspiradora. É un pracer deixarse levar polas imaxes e contidos desta web, aínda que só sexa para cotillear ou soñar. Entre a súa oferta de roupa e complementos desde 1900 (!) ata a década dos 80 atoparás prendas caras, pero tamén algunhas a prezos máis asumibles. Inspírate cos seus lookbooks, co especial Mad Men ou cos vestidos de noiva de todos os estilos: hippies, dos anos 50 ou da época eduardiana.

A web conta ademais cunha sección con información sobre a orixe do vintage, consellos para lavar e conservar a roupa, recomendacións para adquirir prendas…; así como cun blog con novidades, consellos e inspiracións.

Detrás de todo isto está Rodellee, que ama as películas antigas e as feiras de antigüidades e confesa beber moito café.

2. ModCloth. Susan Gregg Koger tiña tanta roupa vintage que non lle cabía no armario, así que, axudada polo seu actual marido, Eric Koger, puxo en marcha unha web para desfacerse dalgunhas prendas e gañar algo de cartos. Hoxe, Modcloth conta con máis de 200 empregados e ofrece roupa, accesorios e obxectos decorativos de deseñadores independentes e continúa mantendo unha sección vintage que engade novas pezas cada día e na que hai que ser rápido, moi rápido, para facerse con algunha destas prezadas prendas e obxectos. Tamén atoparás un blog con consellos de estilo.

3. Asos Marketplace.  Isto si que é para perderse. A firma de venda de roupa online Asos conta cun espazo que eles denominan Marketplace onde podes mercar e vender roupa vintage e descubrir a novos deseñadores. A busca realízase por tipo de prenda, inspiración, ou seleccionando a boutique do teu interese. Tamén podes consultar fotografías de street style ou acceder aos blogs das boutiques. Un lugar para tirarse horas e horas.

4. Fashion Dig. Unha completísima tenda que clasifica as súas prendas por décadas, deseñador, seccións… Ten de todo, desde finais do século XIX – principios do XX ata a actualidade, e non só roupa, senón tamén libros, revistas, pósters…

5. Kling Vintage. A firma Kling tamén saca de vez en cando unha selección de roupa vintage que dura segundos, así que terás que estar atenta e ser moi rápida. Desde a súa posta en marcha desfilaron prendas de deseñadores como Yves Saint Laurent, Courreges ou Givenchy.

6. Rusty Zipper. Posta en marcha en 1995, en RustyZipper.com congratúlanse de ser a primeira tenda online de roupa vintage. Din ter ao redor de 23.000 pezas de 1940 a 1980. Para que non te perdas, están dividas en varias categorías, e incluso conta con apartados especiais adicados a xerseis horrendos de Nadal, ideas para Halloween ou blusas de cóctel.

7. Demode Vintage. Na tenda de Rosana Casado, granadina residente en Madrid, as prendas inspírase no California dream, en días soleados xunto ao mar, gafas de sol, palmeiras, caravanas dos 50, e flamencos rosas. A web é un algo confusa e as fotos da roupa teñen un filtro tan vintage que resulta un pouco complicado visualizar as prendas, pero merece a pena o sacrificio. A ter en conta que en España o envío é gratuíto en adquisicións de máis de 100 euros.

8. Night Owl Vintage. Vestidos e cousas de casa da década dos 50 aos 80, e o máis interesante, unha guía de estilo para vestir como Audrey Hepburn, Brigitte Bardot, Twiggy Lawson ou Zooey Deschanel.

9. Posh Girl Vintage. Se tes cartos sempre podes optar por webs como Posh Girl Vintage, cunha ampla selección entre a que se atopan traxes de noiva dos anos 20 e vestidos de festa dos anos 50, con saias de voo moi ao estilo Mad Men.

10.V for Vintage. Vestidos, camisetas, saias… e uns colgantes moi orixinais!

Montaxe da portada | Adore Vintage

Fotos interior | Asos Marketplace e Adore Vintage

Shares

9 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *