Róuballe un bolso á túa avoa

Todo o mundo ten as súas debilidades, a desta redactora son os bolsos denominados por moitas nais (a miña entre elas) como “de avoa”. Eu prefiro chamalos “bolsos que fan clic”, en alusión ao tipo de peches que adoitan levar, pero non os busques por ese nome, porque non os atoparás: teclea no seu lugar vintage. Dos anos 50, dos 60, en negro, marrón ou vermello, con asas de man (os máis auténticos), ou en bandoleira, pequenas xoias que podes atopar en mercados e tendas de segunda man (online e offline), e tamén -porque as modas sempre volven- nas grandes firmas. Aquí vai unha pequena selección.

1. Asos Marketplace. Se non tes tempo nin ocasión de percorrer os mercados e rebuscar en tendas de segunda man, sempre tes a opción de facer unha busca en internet: hai de todo, demasiado, e moitas veces decepcionante, así que ármate de paciencia e de tempo para atopar ‘O BOLSO’ que estás buscando. No Marketplace de Asos poderás acceder a unha chea de tendas de segunda man e de novos deseñadores. De entre a inmensa oferta de bolsos vintage quédome con estes dous.

O negro é elegante, sinxelo, e adecuado para case calquera look. É dos que, sen dúbida, as nosas avoas poderían ter lucido, e conta cun tipo de peche (clic!) dos que máis me gustan. O marrón é similar na forma, aínda que máis cadrado, e acompañará á perfección un vestido de pequenas flores ou un conxunto outonal (penso, por exemplo, nun abrigo de tweed).

2. Pull and Bear. Se es o tipo de persoa que leva mil cousas no bolso, seguramente preferirás este modelo de Pull and Bear (dispoñible tamén na tenda online), moito máis espazoso; iso si, cunha asa curta que pode resultar algo incómoda para un bolso deste tamaño. Non son moi amante das texturas coma esta, que imita a pel de serpe, pero recoñezo que este patrón, xunto á cor vermella, dálle un toque especial.



3. Zara. Para descansar un pouco das asas curtas sempre podes optar por un bolso de bandoleira, moito máis cómodo. Este, de charol, está dispoñible en vermello e en nude (persoalmente decántome polo primeiro: vintage + vermello sempre é unha boa elección).


4. Kling. Nunha selección de bolsos “de avoa” non podía faltar Kling, onde case sempre atoparás algunha peza especial, tanto bolsos novos como xenuinamente vintage. Este, con forma de pequeno maletín, como os de ir ao cole, encántame. Neste caso non fai clic, pero o gancho que serve de peche tamén ten o seu encanto, así como o sistema de fol que ofrece varios compartimentos para organizar as túas cousas.

Claro que, antes de facer calquera compra recomendo remexer no armario e os baúis das avoas, xa que é moi probable que agochen incribles xoias. Clic, clic!

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *