Yves Saint Laurent, traxe a traxe

Vestido curto de cóctel | Primavera-verán do 64

“Coco Chanel liberou á muller. Pero Yves Saint Laurent deulle poder”. Se alguén pensaba que a exposición que trouxo dende París a Madrid (na Fundación Mapfre, ata o día de Reis) un centenar de traxes e vestidos asinados polo modisto francés ía só de modelitos, estaba moi equivocado.

A roupa é algo máis que o que se pon enriba. A principios do século XX, por exemplo, non había nada máis revolucionario que vestir os traxes de Coco Chanel, quen porfiaba por unhas mulleres que non levasen corsé e que fosen con roupa cómoda e útil (pensade na primeira tempada de ‘Downton Abbey’ e imaxinade o que era a vida levando eses encorsetados e longuísimos vestidos).

Nos 60, foi Yves Saint Laurent o que vestiu á muller de pantalón sen perder un ápice de elegancia (algo máis revolucionario do que se pode pensar a primeira vista) e o que incorporou ao seu fondo do armario prendas masculinas como a sahariana ou o esmoquin, que convertían ás mulleres que vestían as súas coleccións en elegantes reivindicadoras dun papel distinto ao que impoñía o new look de Christian Dior (eses vestidos de cinturas estreitas e moito vuelo que se lle podían ver á Betty de ‘Mad Men’).

Yves Saint Laurent empezou na casa Dior, onde lanzou as súas primeiras coleccións seguindo a estela do new look que creara Christian Dior. Os seus vestidos de corte trapecio son os que abren a exposición que estes meses reúne en Madrid o mellor do fondo de armario da casa YSL. Unha exposición que en París levantou paixóns e que en Madrid tamén obriga a facer cola, aínda que sexa por uns minutos.

Esmoquin pantalón | Outono-Inverno do 66

Tras eses primeiros anos na casa Dior, Yves Saint Laurent deu o salto á independencia, o que lle permitiu arriscar máis (aí está o traxe esmoquin que fixo célebre Catherine Deneuve) e facer máis persoal a súa liña de traballo.

O deseñador amaba viaxar e os seus viaxes inspiraron moitas das súas coleccións, incluso algúns traxes que cando os vexades in situ vos farán cuestionar quen podían levalo posto. Durante esa etapa, o deseñador tamén se converte en nome clave nalgunhas películas xa clásicas do cine francés dos 60 e dos 70, asinando o vestiario que levaban as súas protagonistas (e si, basicamente a Deneuve).

Se cadra agradeceríanse máis explicacións na exposición ou que os engadidos audiovisuais (hai uns cantos vídeos) non estivesen no medio dos vestidos, xa que hai tantos visitantes que é moi difícil poder velos con calma. Pero non por iso deixa de ser interesante descubrir como un traxe puido significar tantas cousas.

Fotos |©Fondation Pierre Bergé – Yves Saint Laurent /A. Guirkinger

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *