Por que, Donatella, por que?

H&M leva uns anos colaborando con figuras de primeira fila do mundo da moda para facer coleccións especiais que traen ao populacho (nós) os grandes deseños que levan as IT girls e similares. Aliáronse con Roberto Cavalli e fixeron un dos anuncios de H&M máis molóns dos últimos anos. Asociáronse con Stella McCartney e a roupa non daba medo. Con Jimmy Choo conseguiron que a xente colapsase nunha estraña febre de quero eses zapatos (e empezaron a xurdir grupos contestarios no Facebook).

A última colección asínaa Donatella Versace, quen protagoniza un anuncio televisivo que dá moito medo. Como é habitual, a colección cápsula non encherá todos os H&M do mundo mundial e só uns poucos e selectos terán dereito a vender os deseños de Versace para H&M. En Galicia só a poderemos mercar no H&M da rúa Príncipe de Vigo, que será o destino para todo o cuadrante noroeste.

E que é o que imos atopar? O primeiro colas, porque todo o mundo quererá facerse con algo só por aquelo de dicir ‘teño un Versace no meu armario’. O segundo, roupa que haberá que mirar con gafas de sol e que agardamos que nunca escape do armario de ninguén. Mellor que quede no fondo, agardando revalorizarse.

Donatella Versace propón unha serie de modelos (que poden chegar a custar 280 euros!!!) que son unha sorte de revival do peor dos 90. A de muller ten algunhas prendas que deixan coa boca aberta, como un top de flecos fucsia floreado que hai que poñer cunha saia semellante e que sae a 149 euros a gracia. A túa avoa diríache que non o puxeras xamais e nós ímoslle dar toda a razón. A de home ten tantas prendas dignas do mellor chulo-piscinas hortera-de-bolera que é difícil escoller cal é a máis impresionante. Posiblemente, cando se pon un look coma estes que propón Versace para H&M, o home transmuta e ten que botar ao pescozo unhas cantas cadeas de ouro, unhas gafas negras de sol e dicirlle babosadas ás raparigas pensando que resulta gracioso.

A colección cápsula ten tamén un apartado fogar, que se realmente sentides a necesidade de facervos cun Versace pode ser a mellor e única opción.

Poderá o impulso de facerse con algo de marca e levará aos shopaholics a facerse con esta colección cápsula tan impresionante? Ou será o sentidiño común o que se impoña ante estas esaxeracións o-peor-dos-90-chegou-para-darche-pesadelos? Só haberá que deixarse caer hoxe por Príncipe en Vigo.

Fotos | H&M

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *