Os álbums de fotos agochan interesantes segredos. Seguro que algunha vez remexiches no faiado e atopaches, medio esquecidas dentro dunha caixa cuberta de po, as fotos de xuventude de túa nai, e seguramente quedaches abraiado/a co que nelas descubriches: facetas descoñecidas, poses dignas de foto de perfil de Facebook, e looks sorprendentes que desexarías ter no teu armario. Porque as modas sempre volven, e porque segundo reza o blog My Mom Style Icon, o estilo das nosas nais naceu antes ca nós.
A neoiorquina Piper Weiss defínese como unha persoa obsesionada cos gatos, Alan Alda, os homes que se parecen a Zach Braff, e este vídeo de Elvis. É ademais editora de Shine, o sitio web para mulleres de Yahoo.com, e tamén ela un día atopou un vello álbum de fotos da súa nai esquecido nun armario. Eran imaxes de mediados dos 60, nos que a súa proxenitora, Marilyn, percorría Europa coa actitude de liberdade que caracterizou a esa xeración. Tanto lle gustaron que decidiu publicalas nun blog, e invitou aos seus amigos a que lle fixeran chegar fotos das súas nais. Así nacía My Mom, The Style Icon, que pronto adquiriu unha gran popularidade na rede, con centos de instantáneas chegadas de todo o mundo.
O blog recolle unha interesante colección de fotografías de nais (e tamén avoas), con impresionantes looks e estilos detrás dos cales sempre reside unha historia. Nais aínda adolescentes ou na súa vintena, posando enriba dunha moto ou sobre o capó dun coche, viaxando, en bañador, en estampas campestres e actitudes hippies, sentadas no sofá de casa, e tocando en bandas de Rock and Roll. Tamén historias sorprendentes, como unha nai de Amsterdam que pertencía a un grupo activista clandestino que loitaba pola igualdade de xénero, ou unha avoa que pilotaba avións.
O éxito deste blog levou a Piper Weiss a lanzar un libro no que recolle as mellores fotos e historias, para poder gozar da elegancia e estilo das nais tamén sobre o papel. O proxecto complétase co blog Don’t f*** with dad, bastante menos exitoso e traballado (a última actualización é de agosto do ano pasado), que recolle instantáneas de pais con poses fachendosas.
Se aínda non o fixeches, rebusca entre as fotos da túa nai, de seguro atoparás máis dunha xoia, e acabarás maldicindo o momento no que decidiu tirar con ese abrigo, ese vestido ou esa minisaia que herdarías con sumo gusto.
* Podes consultar as fotografías e as súas historias no blog My Mom, The Style Icon. O libro está dispoñible en Amazon.
Fotos | My Mom, The Style Icon