Moda ao estilo Blair Waldorf

* Colaboración de María Villamarín

Mónica Cordera Ourense

A tenda que Mónica Cordera ten na rúa Cardenal Quiroga en Ourense é a primeira que leva o seu nome propio, motivo polo cal debe estar máis que orgullosa. Aínda que ten uns 30 puntos de venta en España, Mónica tenlle un agarimo especial a este recuncho. Un espazo que o pasado día 5 de novembro cumpría un ano, e que segundo di, lle permite perfeccionar as súas coleccións ao ter un contacto directo cas clientas.

Mónica Cordera gañou en 2009 o IV Certamen de Jóvenes Diseñadores Asturianos, tres anos despois de ter comezado a deseñar pola súa conta. Hoxe o éxito para ela xa está consolidado. As prendas que deseña son case que ‘exclusivas’ (de edición limitada e numeradas para que a clienta sexa consciente do que está a comprar) e son moitas as presentadoras, actrices e cantantes que locen os seus modelos. Seguidora confesa de deseñadoras coma Miriam Ocariz ou Amaya Arzuaga e marcas como Miu Miu e Clhoé, a Mónica sóbranlle as referencias. O seu segredo é facer prendas para mulleres con personalidade forte, aquelas que non se deixan influenciar polas modas, senón que visten baixo un selo persoal. Un estilo marcado que se agocha baixo a mestura de toques naïf, vintice e románticos. Os mesmos que plasma na súa liña de complementos, elaborados de forma artesanal, e nos seus deseños de roupa para nenas. Iso si, hai unha cousa que non faría nunca: roupa para homes.

Un dos factores que lle dá calidade ás prendas son os acabados, e tamén os pequenos detalles. Laciños, sedas, encaixes, volantes, botóns, fruncidos… colocados con coidado e sempre para estilizar a silueta da muller, facendo delas bonecas de carne e óso. Coa dose xusta de elegancia pero tamén integrada na actualidade e, sobre todo, a un prezo razoable. Así, non é de extrañar que a moita xente lle recorde o estilo de Blair Waldorf, unha das personaxes principais e con máis estilo de ‘Gossip Girl’.

Mónica Cordero Seele

A colección para este outono/inverno 11/12 ‘Seele’ (alma, en alemán) é unha proposta “neorrural” que á teletrasportou á súa terra natal, á que se despraza sempre para facer as sesións fotográficas. Nela quixo plasmar o frío que se sinte no inverno (cousa que por estes lares tampouco escasea), pero tamén tentar captar a calidez do lugar. As cores que predominan son o verde seco, negro, granate e unha gama de tonos azuis. Os vestidos son a prenda estrela de todas as súas coleccións. Para esta, elixe neles os estampados, combinados en contraste con gorros, calcetíns altos de lana virxe con katiuskas, e pelo de coello para o pescozo. Como se di na miña casa “se tes os pés e a cabeza quente conservas o calor en todo o corpo”. Mónica aplica ese sistema.

Aínda que estamos entrando no mes de decembro, sabemos xa cousas sobre o que será a próxima colección primavera/verán 11/12. ‘Hildegart’, de novo unha palabra alemana (nesta ocasión un nome de muller que significa algo así como “xardín da sabiduría”). Unha proposta moi pura, con tecidos vaporosos para unha muller feminina (valga a redundancia) que busque vestir cun aire bucólico mais sen perder ese mundo interior de fantasía. A gama crómatica para esa tempada será o verde turquesa, rosa, coral, o gris pedra e a cor óso. Para ver os novos modelos só haberá que esperar a que chegue o bo tempo. Mentres podedes ir botándolle un ollo ao catálogo da colección de inverno. Aínda está por vir o peor. Winter is coming.

Fotos | Mónica Cordero

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará