Ñono, naif ou chic? Falamos do colo bebé

A pregunta a estas alturas case nin merece resposta. Despois de tanto velo, xa sabemos que o colo bebé (ou colo baby doll, ou colo babeiro, ou colo peter pan, etc etc) non é relambido. Alomenos, as mulleres sabémolo (os homes pouco a pouco van aceptándoo, pero teñen estes colos na mesma categoría que as diademas e as bragas de animaliños. E non, esa categoría non é sexy – salvo look lolita-).

Pero o sexy hai tempo que deixou de ser o obxectivo, e xúrovos que este verán lin un artigo nunha revista de moda sobre que o máis in agora era o look “monxil” (camisetas ben pechadas, saias pola metade da mazá da perna, zapatos planos). Sen chegar a tanto, as iconas hoxe son máis ben a omnipresente Audrey Hepburn, a hipnotizante Twiggy, ou a it girl Alexa Chung, unha digna herdeira da feminidade sutil e elegante de ambas . Os anos 60 vén sendo tendencia tempada tras tempada e tras vernos invadidos por saias con voo, colorismo pop, corpiños e pantalóns capri, chegou a quenda dos colos bebés, eses colos redondiños, en dúas partes, que levan os pequenos e que se recuperaron nos anos 60 para completar os mini-vestidos de flores. Un look naif si, claro, pero o naif está de moda, o que o lanza directamente ao último cualificativo: chic.

O pasado verán vivimos unha invasión deses vestidiños con colos bebés, máis alá das marcas sempre fieis como poden ser Springfield ou Kling. Tamén os grandes deseñadores os incluíron nas súas propostas para este outono, xa fora en vestidos, camisas ou abrigos, e incluíndo mestura de texturas e bastante transparencia (para xogar co contraste). Na mesma liña todas as tendas mostran prendas variadas co que xa é o must have deste outono.

O colo bebé comezouse entón a independizar da roupa concreta para pasar a converterse en colar. E é que practicamente calquera prenda acepta esta reminiscencia sesentera, así que…por que limitala? Os colos brancos van con calquera cousa, pero tamén podemos apostar por utilizar un colo bebé de color que contraste co resto da roupa ou colos que recollen outras tendencias da tempada coma o animal print ou o glitter.

O que está claro é que aínda que non todos son fans deste tipo de colos, pronto o serán. Hai quen di que empalaga e que recorda demasiado á roupa infantil, pero a eses non os podemos cualificar de modernos, síntoo. Os modernos falan do toque inocente, retro e absolutamente trendy. Aí queda iso.

Foto | Lady Centre

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *