O estilo naïf chegou coma un vendaval á vida das modernas, e alí ficou. Vestidiños de amplo voo, colos bebé, diademas con lazos, cores pastel…, todo o que repudiábamos de nenas é agora acollido co maior dos cariños. E é que exhibir un look inocente e delicado, cun toque infantil, agora si mola.
E se non que llo digan a Zooey Deschanel, quen confesou en varias ocasións que no cole era desprezada polo seu estilo relambido e hoxe é todo un referente de estilo, e mesmo todo un obxecto de desexo para boa parte dos hipsters masculinos.
Como este estilo triunfa, podemos atopar prendas naïf en todas as tendas mainstream, desde Zara ata H&M. Pero ademais, existen unha boa chea de marcas, moito menos low-cost, iso si, especializadas na roupa naïf. Repasamos 5 das marcas que máis nos gustan en Disquecool:
1. Kling
A calidade da roupa de Kling deixa ás veces bastante que desexar, pero é relativamente barata (os vestidos roldan os 40 euros) e ten deseños orixinais e divertidos, sempre cun toque retro. Trátase dunha marca que naceu hai 8 anos en Malasaña (Madrid) e desde entón non deixou de crecer. Contan ademais cunha tenda online que funciona bastante ben.
3. Pepa Loves
O estilo de Pepa Loves é un pouquiño máis sofisticado, pero sobre todo moi feminino. As cores pastel son unha constante, e as blusas e saias innovan bastante coas formas. Imprescindible para un look lady, aínda que os prezos xa se sitúan arredor dos 150 euros.
2. La Böcöque
La Böcöque é unha marca galega (de Moaña) que naceu hai xa case cinco anos e que aporta un toque boho-chic francés a este estilo naïf. Os prezos son similares aos da marca anterior, pero polo momento non contan con tenda online.
4. Poëte
Moda romántica inspirada no século XIX e principios do XX con cores pastel, moito estampado floral e deseños vintage de claro gusto (tamén) polo chic francés.
5. Blue Dolls
Blue dolls é unha marca catalá que está baseada no concepto “baby doll” con deseños retro de inspiración naïf, e toques orientais, aínda que tamén teñen prendas dun estilo máis urbano e actual. A tenda online non parece que funcione moi ben, aviso.
2 comentarios