Chegou o outono. Chegou de forma oficial (a fin de semana pasada en realidade) e coas baixadas das temperaturas e o comezo da temporada de chuvia (é un dicir) podemos sacar as katiuskas do fondo do armario. Poden ser as seis que tiñas que estrear o outono pasado ou as catro que che recomendamos para este.
1. Kling. Xa estiveron na selección de cousas coas que levar con ben o verán a pesar do mal tempo.
Pero estas katiuskas de Kling entran no listado de favoritos de tempada, así que calquera ocasión é boa para recuperalas.
Nada de cores vibrantes nin efecto espello, estas katiuskas son case case transparentes. O seu plástico translúcido deixará ver os teus calcetíns ou medias e será unha boa oportunidade para lucir esas medias con debuxos que mercaches aquela vez e que gardas no fondo do caixón, porque che parece un desperdicio poñelas por debaixo das botas co bonitiñas que son.
Custan algo menos de 45 euros e entran pisando forte na lista de katiuskas que toda nai de ben odia a morte.
2. Bimba y Lola. Son unha alternativa en curto. Se as altas vos parecen incómodas ou non acabades de vervos con elas (aínda que son o mellor para sobrevivir aos días de diluvio en Compostela), apostade por un modelo de este estilo.
É máis discreto, máis fácil de poñer (e de sacar: non terás que botar man de amigos e familia para quitar as botas) e máis sinxelo de combinar con éxito.
Estas son de Bimba y Lola e realmente teñen boa pinta. Hainas en varias cores, pero todas moi fortes. Un rosa e un amarelo fluor moi prometedores e radioactivos, este viño e un azul bastante chulo. Non son moi caras (25 euros na tenda online).
3. Rain Level: o capricho de importación. Son dunha firma italiana e só as venden en tendas italianas. A súa tenda online está aínda en desenvolvemento e non hai unha lista de espazos de venta internacional. Pero son tan chulas que sen dúbida paga a pena coller un deses avións de Ryanair a Italia para mercalas.
Están feitas en Italia e teñen versións en todas as cores do arcoiris (iso é o que din). O seu medidor indica ata onde está chegando a chuvia. O prezo é polo momento descoñecido.
4. Gioseppo. A opción discreta.
Non todo o mundo quere saír á rúa con dúas lambonadas nos pés ou desafiar a unha nai poñendo dúas inmensas botas fluor. Esta é a opción conservadora: unhas discretas katiuskas de Gioseppo de estampado máis ou menos animal. En cores máis escuras son máis rechamantes pero neste apagado beige non fan moito mal.
Giossepo é unha desas firmas que están tentando facer katiuskas de autor e acaban de fichar a Ion Fiz para unha colección cápsula, aínda que tampouco é gran cousa. Havaianas tamén o está a facer: eles tamén teñen a un deseñador de renome (Matthew Williamson) a facerlles unha colección cápsula.
Estas saen a uns 48 euros na tenda online.
Hola,me gustaría comprar unas botas de agua,katiuskas, transparentes kling
Cómo puedo contactar con vosotros?
Gracias