6 katiuskas que estrear este outono

Primeira lección sobre o mundo das katiuskas: non están feitas para todos. Hai quen non soporta a idea de levar plástico de cores cegadoras nos pés, así que hai que estar moi convencido delas para poñelas e non sentirse ridículo. Segunda lección sobre o mundo das katiuskas: aos fans, digas o que lle digas, vailles dar igual as túas opinións tremendistas sobre levar unhas katiukas laranxas (oíches, miña nai?) porque lle gustan e punto.

Pode que a orixe do nome katiuska estea nas botas que levaba a protagonista dunha ópera no 31. Todos levamos algunhas nalgún momento da nosa vida (de pequenos, nas visitas á aldea todos aqueles que ían a casa da avoa…) pero non se puxeron de moda ata que a marca Hunter non as converteu, top models e it girls mediante, na última cousa a non esquecer no armario de ningunha fashionista. Outra xente recuperámolas despois dunhas cantas molladuras en Santiago, despois de renunciar ao glamour en beneficio dos pés secos, e tras ter que botar man das katiuskas para nenos (as únicas que se podían mercar hai uns sete anos) asistimos con entusiasmo a esta resurrección das tamén chamadas botas de auga ou botas de goma.

Para convencer aos indecisos (porque este vai ser o ano das katiuskas!!) e ir preparando á xente que sufriu ao ver os modelos laranxas dalgunha que outra trendy disquerredactora, velaí vai o noso top five máis un das katiuskas a mercar este outono-inverno.

1. Primark. Non ten foto porque Primark non nos puido ofrecer ningunha, pero nós xuramos telas visto no Primark do Marineda City da Coruña. Teñen un estupendo prezo Primark e son moi no estilo das caras Hunter, con cores divertidas (aínda que o suficientemente pastel como para que ninguén sufra por elas).

2. Hunter. Todo amante das katiuskas debería ter unhas. Elas foron as que arrancaron o revival das katiuskas, con Kate Moss levando botas de auga nos festivais.

Custan 150 libras na tenda online da firma (173 euros) o que as converte nun calzado non moi caro (se temos en conta a clase de marca que é).

Esta é unha versión mellorada das clásicas botas Hunter, se cadra un pouco altas para algúns gustos. O que nos acaba de facer fan son os tiradores que teñen ao final, para que podas poñelas sen recorrer ao veciño/irmá/mozo/moza/nai/pai/etc para que che axude a turrar por elas.

3. Bimba y Lola. As de Bimba y Lola só custan 36 euros, aínda que o plástico non parece tan resistente como as de Hunter (ou as de Primark, que vós non vedes pero eu si).

Son de caña alta e con estampado xeométrico. Non só as hai en “azul curwen”, tamén as teñen en laranxa. O laranxa é un deses discretiños que semellan case marrón ao lonxe.

O principal beneficio destas botas é que son discretas e menos impactantes para ollos de nai e de avoa que as de Hunter. Pero… non vos estrañedes de as vedes acompañando algún foulard repelente ou a algunha señora con bolso de marca fina. Son tan pouco agresivas que serán as favoritas das señoras de de Santiago. Prometido.

4. Chooka. Estas son un capricho de importación. Non sei moi ben como se pode unha facer con elas (pregúntomo, si).

Custan 60 dólares (algúns euros menos, xa sabedes) e son de lunares. Hainas en vermello, en marrón, en negro…

Estas son as miñas favoritas (porque sempre quixen unhas así…) pero hainas de moitos tipos e deseños.

Están feitas con goma 100% natural e teñen un interior de algodón absorbente (si, un dos males das katiuskas e de levar os pés en goma é… xusto ese).

A historia da marca é xenial. Era unha empresa familiar que facía botas de goma. A terceira xeración decidiu que por que non facer algo bonito co que vendían de sempre e empezou coas katiuskas de deseño.

E aquí están, reconvertidos en fabricantes de botas de auga bonitas e trendy.

Vístenas as celebridades (e son máis baratas que as Hunter).

5. Springfield. Son bonitas ou son un horror?


Aventuro que estas katiuskas poden causar debates. Teñen o punto xenial: son de lunariños e hainas en vermello e azul. Chámanse Mar e custan 26,95 euros o par. Pero tamén son de caña baixa (ou tes as pernas super delgadas ou parecerás un porquiño…) e teñen un estraño lazo/cordel no final.

6. Blanco.Só están en unha cor (un azul bastante bonitiño, a verdade), custan 19,95 euros e son tamén das que levantan paixóns e odios.

O seu acabado é o que algúns denominan katiuskas-das-que-te-debes-poñer-para-ir-sachar-as-patacas, pero ese é o seu principal encanto. Estas katiuskas de acabado bruto cun vestido do máis girly é un combinado do máis chic. Crédeme.

Ademais son as máis económicas da lista e lixeiramente discretas, para un primeiro contacto con mundo katiuska. Unha vez que as probedes (sobre todo no mundo dos diluvios de Santiago) non ides querer outra cousa.

Foto | wi,ckenden

Shares

17 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *