Que chova! 5 cousas para levar con ben a choiva

Non debería sorprendernos ter que tirar de gabardina do armario: non hai nada máis coñecido e típico que os días de choiva en pleno verán. Non deixes que poida contigo, non permitas que a auga che amargue o día. Que chova ten o seu punto positivo: podes botar man destes estupendos complementos. Aquí están cinco cousas que che farán levar con ben estes días.

1. O mellor sombreiro do mundo.

Que mellor que tomarse con humor e filosofía a situación, ríndose dos días chuviosos no medio de agosto? Posiblemente moita xente deixará de falarche, outra non se atreverá a saír contigo á rúa e outra tentará que te sintas moi, pero que moi mal, por ter tanta valentía. Non deixes que as súas palabras e as súas accións che fagan dano.

Este é o mellor sombreiro do mundo e seguro que ten un punto cool que os demais non están sabendo ver.

Chega, como todas esas cousas raras, da versión orixinal de Amazon, ese .com tan cheo de cousas de todo pelaxe. Custa só 1,97 dólares (pouco máis dun euro e medio!!) e practicamente garantiza que non se che molle o pelo.

Tamén pode servir se o que queres é ir, de todas todas, á praia. Só tes que sentarte na beira do mar. O mellor sombreiro do mundo fará que non te molles (moito).

2. Confete chuvioso 

confeti

O confete non é divertido. Moitos circuliños de papel que se lanzan ao aire para festexar o que sexa. Non ten nada de emocionante.  Ata agora: para festexar que chove podes facerte con este delicado confete axustado ao tema do día. Gotiñas de auga, paraugas e nubes moi pouco ameazantes son as miniaturas que compoñen este confete artesanal e de deseño. Está a vender en Etsy e debe de dar un pouco de pena gastalo.

3. Katiuskas transparentes. 

Amamos as katiuskas! Son uns zapatos super útiles cando se ten que sobrevivir nunha climatoloxía tan adversa. Son un must a comprar cando chega o outono e… por que non botar man delas cando chove de pronto? Calquera gota de choiva pode ser boa para recuperalas de debaixo da cama.

Este modelo de Kling é dos que crea grandes paixóns: ou o amas ou o odias con todo o teu corazón. Non é un defecto da imaxe. Estas katiuskas son completamente transparentes.

Son a escusa perfecta para poñer esas medias que mercaches un día porque teñen un estampado estupendo, pero que non sabes con que poñer.

Como son transparentes dan unha sensación menos invernal (auténtica mentira e completo efecto psicolóxico) e un pouco máis de verán.

Custan 44,90 e, aínda que son da tempada de outono, xa están a venda na tenda online.

4. Bolso chuvioso 

Ten aspecto de estar un pouco triste, o paraugas animado deste bolso shopper (ou bolso para o que ti máis queiras, esa é a verdade) polo que pode ir perfectamente en sintonía cos teus máis segredos sentimentos. Aínda que mercaches todo o que recomenda esta lista, continúas a sentir que a vida é moi inxusta dándoche choiva en pleno agosto? O pobre paraugas verde ten aspecto de pensar exactamente o mesmo.

O bolso é parte da Asos Collection, custaba máis de 35 euros (agora é tempo de rebaixas e podes levalo por 17,77) e chegará á túa casa nun par de días.

Poderás meter todo o que che apeteza dentro: como ben dá a entender a imaxe é super plasticoso, así que todas as túas propiedades estarán protexidas contra a auga.

5. Best- seller

Aquí deixamos a gusto de cada quen. Podedes facervos con último de Ken Follet, traducido ao castelán como ‘La caída de los gigantes’ (non está en galego) e que é a clásica historia inmensa familiar de xente que se traizoa unha á outra, na que todos teñen affaires e nas que pasa practicamente todo canto aconteceu en Europa no primeiro terzo do século XX. É un libro estupendo para pasar o rato, pero vós podedes facervos co que máis vos apeteza. Só ten que ser ben gordo e non moi transcendente. Non esquezades que fóra chove!

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *