Disquerreto 2012 (I): Canle do Garonne

Porto da Lua en Bordeaux. #Disquerreto12O cámping non parece un cámping e tampouco atopamos a ninguén alí. Tan só uns cantos cans, afortunadamente inofensivos, e unha corte. Un home alto, louro e colorado aparece. O estampado da súa camisa parece anuncialo todo: cabalos. E é que realmente non nos atopamos nun cámping, trátase dun dos lugares adheridos á rede Bienvenue à la ferme, que permite a agricultores abrir ao público as portas das súas explotacións para que poidan acampar nelas ou participar en actividades relacionadas coa vida no campo.

O señor dos cabalos móstranos as modestas pero axeitadas instalacións, ofrécenos uns cantos mapas, e ata nos fai unha predición meteorolóxica. Non irá a calor dos últimos días, e tampouco choverá. Soa alentador. Estamos en Langon, o punto de partida do noso Disquerreto 2012, e aproveitando a proximidade a Bordeos collemos o coche (o vehículo que posteriormente abandonaremos na Ferme durante a nosa viaxe en bicicleta) e nos achegámonos a La Belle au Bois Dormant, para descubrir que para nada esta cidade atlántica se atopa adormecida, máis ben todo o contrario.

Victor Hugo dixo unha vez: “Tome Versalles, engada Amberes e terá Bordeos”. O século XVIII foi a idade de ouro desta cidade. Tanto que incluso foi utilizada como modelo cando Napoleón III quixo transformar París nunha capital moderna. Hoxe no corazón da famosa rexión de viñedos mandan as bicicletas.

Entramos pola zona da basílica de Saint-Michel, un barrio multicultural con cheiro a especias e cuscús no que tamén abundan os modernos, as tendas de segunda man e as perruquerías cool. E as bicis, de todas as épocas, de todas as cores, de todos os estilos. Cos numerosos carrís e a súa planicie resulta unha cidade ideal. Tan popular é o uso deste medio de transporte que incluso atopamos unha tenda cun sistema de paraugas para bicicletas (un invento que deberíamos estudar para Galicia).

Percorremos os seus agradables xardíns, a catedral de Santo André e o Porto da Lúa, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Esa noite, claro está, soñamos con bicicletas e botellas de Bordeaux.

Listos para sair en Langon. #Disquerreto12

Ao día seguinte partimos de Langon coas nosas bicis e alforxas e dicimos adeus ao señor dos cabalos e á súa muller, que coidarán o coche na nosa ausencia. É domingo e os franceses fan pique-nique, organizan mercados de alimentos e de obxectos de segunda man, pasean e van en bicicleta. O primeiro que descubrimos é a súa amabilidade. Prepara o teu Bonjour! cando te cruces con eles. Nos stop os coches sempre te deixan pasar, e ademais deséxanche unha boa viaxe.

O segundo que notamos é calor. Por fortuna, as árbores que acompañan o carril bici da canle lateral do río Garona, que nos levará ata Toulouse, dan boa sombra. Son, como nos explicou un amable paisano, “a mellor climatización”. Pero non sempre, agosto pode ser moi caloroso por estas terras, e tamén atopamos no camiño varias rectas sen vexetación que nos deixan exhaustos.

No canal lateral de la Garonne. #Disquerreto12

En Castets en Dorthe, pouco despois de Langon comeza o carril “oficial” da Canle dos dous mares. No noso camiño adiantamos (si, adiantamos!) ás pequenas embarcacións que sucan a canle, as péniches, e pasamos por vilas encantadoras con testos nos farois, boulangerie e contras pintadas de azul. Pasamos plantacións de kiwis e mazás, e visitamos vilas como Damazan e Sérignac sur-Garonne, tan bonito que parece de xoguete, coa súa pequena igrexa, a mairie e a súas bandeirolas de festa. Antes de chegar a Agen cruzamos unha ponte sobre o río Garona que en realidade tamén é unha canle, algo así como unha canle-ponte. Isto significa auga sobre auga, barcos sobre as pontes e non por baixo delas.

En Moissac freamos as nosas bicis. A calor aperta (máis de 30 graos) e non somos quen de completar os quilómetros previsto para este día. Pero non importa, Toulouse xa case está aí!

Podedes ver aquí como comezou o disquerreto desde ano. Para actualizacións en tempo real, seguide en Twitter o hashtag #disquerreto12

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

  • Abuela das Galletas di:

    Que envidia, co que me gusta ver sitios novos. Pero eu deixoo para mais adiante

  • vane di:

    Lo que me gusta de este tipo de viajes, es que aunque se organice siempre hay algo imprevisible… lo que nos puede sorprender que a bajo coste se pueda disfrutar tanto de todo lo que nos ofrecen nuevas culturas y maneras distintas de vivir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará