Chega agosto, e con el un novo Disquerreto! Cambiamos as grandes abadías polos viñedos, os barcos de transporte de mercancías polos péniche turísticos, a cervexa polo viño e as salchichas polo queixo. Cambiamos o Danubio supostamente azul polas augas tranquilas da Canle dos dous mares. As nosas bicis están contentas porque este ano poderán presumir de cruzar Francia desde o Atlántico ata o Mediterráneo, refuxiándose do sol do Midi baixo as sombras dos plátanos e descubrindo o patrimonio paisaxístico, cultural e gastronómico que acompaña á canle máis antiga de Europa.
Todo gobernante francés soñou algún día con comunicar o Mediterráneo co Atlántico, un xeito de evitar o complicado estreito de Xibraltar e de aforrar o longo treito de navegación a mar aberto. Foi Luís XIV o primeiro en poñer en marcha esta idea, e o enxeñeiro Pierre-Paul Riquet o seu artífice. Entre 1666 e 1681 completouse a metade deste proxecto coa construción do Canal du Midi, unha vía navegable que unía a lagoa de Thau, ao borde do Mediterráneo, con Toulouse. Fixeron falta 63 esclusas, 126 pontes, 7 acuedutos e 6 presas. O que máis dificultades creou foi o abastecemento de auga. Resultou necesario construír unha lagoa artificial (Saint-Ferréol), que se abastecía dos ríos Laudot e Sor, e que cunha capacidade de 6,5 millóns de m3 garantía o subministro de auga á canle incluso nas peores épocas de seca. O Canal du Midi está considerado a obra civil máis importante do século XVII, e en 1996 foi declarado Patrimonio da Humanidade.
Esta infraestrutura usouse para transportar mercancías e pasaxeiros ata Toulouse durante os séculos XVII e XVIII, pero non foi ata o XIX cando se completou a Canle dos dous mares coa construción do tramo entre Toulouse e Burdeos. Esta continuación, que tamén percorreremos, coñécese como a Canle lateral do Garona. Coa chegada do ferrocarril as canles navegables como vía para o transporte de mercancías quedaron en desuso, e na actualidade dedícanse unicamente ao turismo fluvial, co aluguer de barcos, o cicloturismo e outras actividades de ocio.
O obxectivo do noso novo Disquerreto consiste en percorrer 500 quilómetros desde Langon (sur de Burdeos) ata Béziers, na costa mediterránea. Un total de 12 días de viaxe nos que descubriremos, pedalada a pedalada, pequenas vilas francesas, paisaxes meridionais, cidades históricas como Carcassone e Toulouse e unha gastronomía na que reinan o viño e especialidades como o Cassoulet.
Despois da nosa experiencia do ano pasado xa non somos novatos de todo, pero aínda estamos ben lonxe de considerarnos cicloturistas experimentados, polo que á hora de seleccionar a nova ruta tamén tivemos en conta a súa facilidade, con carrís para bicis ou pistas pouco frecuentadas por vehículos a motor, e sobre todo, sen desniveis, porque a nós o que nos gusta é a bici “a modiño”.
As nosas bicicletas, a rodada BH Boston e a algo máis nova Kalkhoff, portáronse tan ben o ano pasado que xa son as nosas mellores compañeiras de viaxe. Si decidimos facer un investimento en alforxas, e xa estamos enchendo as nosas flamantes Ortlieb estancas (desexamos con todas as nosas forzas que non chova, pero hai que ir preparados por se sucede o contrario…). Á hora de planificar a nosa ruta botamos man da páxina oficial e adquirimos o libro (en francés) ‘Le Canal du Midi à vélo’. En canto ao transporte ata o punto de partida, desta vez decidimos facelo en coche. Deixaremos o noso vehículo nun cámping de Langon (uns 30€ á semana), e volveremos a por el en tren unha vez finalizado o Disquerreto (uns 35€ por persoa).
Podedes seguir a nosa aventura francesa en Disquecool, e tamén en Twitter, no hashtag #disquerreto12
À bientôt!
Fotos | Egonwegh, Nick in exsilio e Matthieu Aubry.
Paréceme unha viaxe chulísima. Moita sorte!
Super chulo o canal
Preciosa la ruta. Feliz viaje!!!!
Ummmmm. Unha casoulete…