Disquerreto 2012 (II): De Toulouse a Carcassonne

Disquerreto 12, Canal do Garonne e Canal du Midi

Que adorables resultan as pequenas vilas francesas coas súas flores (incluso hai un organismo que as avalía e puntúa), as súas prazas e as súas igrexas. Sen embargo, ás veces preguntámonos se vive alguén nelas, se hai persoas no interior das casas, se as tendas abren algunha vez. Quizais agosto non sexa o mellor mes, quizais as atravesamos á peor hora do día, pero a verdade é que resulta bastante complicado atopar tendas abertas e a presenza de bares por km² dista bastante da concentración que temos en Galicia. Os fermosos pobos parecen lugares pantasma, e temos moita sede. O último tramo da Canle lateral do Garonne resulta bastante monótono, o vento sopra e estamos deshidratados. Todo nos parece igual, así que apertamos o ritmo canto podemos, xa temos ganas de chegar a Toulouse, ao encontro do Canal du Midi que nos conducirá ata o Mediterráneo.

Disquerreto 12, Canal do Garonne e Canal du MidiA entrada á cuarta commune de Francia en poboación resulta bastante decepcionante. O camiño está descoidado, transitamos pegados a unha autoestrada e un polígono industrial, e o cámping está situado nun lugar bastante desolador. Tampouco nos importa demasiado, o único que queremos é beber e descansar para descubrir Toulouse ao día seguinte con enerxías renovadas. E a Ville Rose non decepciona.

Os ladrillos vistos utilizados na construción dos edificios antigos imprimen carácter a esta cidade. Durante o curso, os estudantes danlle vida. No verán todo o mundo parece fuxir, e os que quedan atópanse na ‘praia’ da cidade. Nin o río Garonne —debido a anos de verquidos, primeiro de distintos gremios artesanais, e despois das fábricas— nin a canle —a causa dun microbio orixinado na auga pola presenza de londras— son aptos para o baño, polo que o concello acondiciona todo un parque á beira do río con duchas vaporizadoras, hamacas á sombra e xogos de auga que alivian das altas temperaturas provocadas pola vaga de calor que estamos a sufrir estes días.

O cámping está situado nas aforas, así que collemos as nosas bicis e entramos na cidade por Les Abattoirs, o centro de arte contemporánea, cunha vista fermosa sobre o Garonne e unha noria retrofuturista chea de cativos que van de excursión. Despois visitamos a Place du Capitol, onde deixamos as bicicletas para pasear polas rúas do Vieux Quartier e coñecer o convento dos Xacobinos. Marabíllanos a basílica de Saint-Sernin, cos seus ladrillos vermellos no exterior e a súa única restra de columnas no centro da nave, que a luz pinta de cores ao traspasar as vidreiras. Retomamos o noso medio de transporte habitual para percorrer a fermosa Toulouse. Coñecemos a Elisabetta, unha italiana recén instalada na cidade, que nos invita a unha barbacoa na casa na que está vivindo. Rematamos a noite ao redor dun Camembert fondue, feito entre as brasas na caixa de madeira na que vén presentado. Parécenos estar descubrindo moito de Francia mentres metemos o noso anaco de pan no queixo fundido nese patio dun tranquilo barrio de Toulouse, nunha calorosa noite de verán.

Disquerreto 12, Canal do Garonne e Canal du MidiContinuamos o noso camiño coa compañía de Elisabetta e dous amigos dela, unha italiana que acaba de mudarse a París, e un italofrancés que arranxa bicicletas vellas que atopa na capital francesa, algo que de seguro nos virá moi ben. O Canal du Midi é moi diferente do lateral do Garonne. A paisaxe é máis cambiante, hai máis curvas, restaurantes nas esclusas, moitos xirasois e patiños durmindo nas beiras. Non notamos tanta calor, en gran medida debido aos plátanos plantados a ambos lados do camiño. Pero sen dúbida a principal diferencia, e o que máis nos afectará na nosa viaxe, é que o asfalto desaparece. No seu lugar pedaleamos sobre camiños irregulares, de terra ou grava, con numerosas raíces e pedras.

Coñecemos tamén ao noso peor inimigo, xunto coa calor: esta é unha rexión de ventos. O vento do sudeste ou austral tamén é coñecido como o vento da tolemia ou do demo pola súa intensa forza que deseca a terra e arranca vexetación. Pero ademais, outra das súas características é a súa influencia sobre as persoas, ás que volve máis irritables. E podo entendelo perfectamente.

Disquerreto 12, Canal do Garonne e Canal du Midi

Entre o vento e a nova condición do camiño resulta máis complicado avanzar, pero tamén máis divertido e fermoso, polo cambiante das paisaxes. Comezamos a ir máis pegados á auga, e pasamos por encantadoras vilas como Castelnaudary, onde probamos o prato típico da zona, a Cassoulet, e Carcassonne, que parece sacada dun conto de fadas e cabaleiros coas súas murallas e torreóns, un encanto que a excesiva turistización se encarga de rebaixar.

As condicións do terreo anuncian aventuras, chegarán as nosas bicis ata o ansiado Mediterráneo?

*Podedes ver aquí como comezou e evolucionou o disquerreto deste ano

Fotos | Andrés Fraga

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *