Daisy Market: algo máis que un showroom

Daisy Market 2010

Vista do showroom na edición do ano pasado

A moda urbana e emerxente volve a A Coruña esta fin de semana (24 e 25 de setembro) coa terceira edición do Daisy Market, que reunirá en Expocoruña a marcas, deseñadores, consumidores, coolhunters, estilistas e medios de comunicación. Durante dous días, os asistentes poderán gozar das creacións expostas no showroom, participar en obradoiros e asistir a conferencias e mesas redondas sobre os novos retos aos que se enfronta o sector.

Este encontro, organizado por Expocoruña, naceu en 2009 co obxectivo de fomentar e dinamizar as relacións comerciais e o compromiso de apoiar aos creadores. Tres anos despois, cun “proxecto máis maduro”, segundo os seus promotores, aposta “pola profesionalización” sumando ao showroom un summit, un congreso deseñado para “inspirar e guiar ao profesional a través das novas formas de negocio para afrontar unha época de cambios no sector da moda, marcada por unha gran crise económica e a era dixital”.

O summit incluirá cases studies de firmas de referencia como Loreak Mendian, La Casita de Wendy, Krizia Robustello, Malahierba e D-Due, así como relatorios centrados en cuestións como ‘Internacionalización de empresas de moda’, ‘Como integrar as redes sociais nas túas estratexias de marketing e comunicación’ ou ‘Factores de éxito para a venda de moda en internet’. Así mesmo, o congreso contará coas mesas redondas ‘De que xeito as bloggers poden inxectar personalidade á túa marca?’ e ‘Tendas, novas formas de negocio, onde está o futuro?’.

Reza Ghassemi, Senior Account Manager de Google, Danie Agie, consultor estratéxico e comercial de marcas, David Macías, Visual Merchandiser de Carolina Herrera e Purificación García, a nethunter Gema Requena e as bloggers Ariadna Ferret, Mayte de la Iglesia e Nana Santaella, son algúns dos expertos que intervirán neste encontro, ao que xa se inscribiron máis de 250 profesionais do mundo da moda.

Nesta ocasión o showroom reunirá a máis de medio centenar de marcas e deseñadores procedentes de Portugal, República Checa, Estados Unidos e distintos puntos de España. Nos seus stands atoparás complementos e accesorios, calzado, produtos de decoración e de coidado persoal. O público asistente poderá votar de novo ao seu favorito, pero ademais, por primeira vez, un xurado integrado por profesionais de diferentes ámbitos da moda percorrerá o showroom para votar as propostas máis destacadas, ofrecendo aos seus creadores a posibilidade de presentalas, co apoio do Daisy Market, noutras feiras de ámbito nacional e internacional.

De xeito paralelo tamén se desenvolverán obradoiros de creación de bolsos e saias, estampación, creación de empresas de moda e estilismo para cine, televisión e publicidade.

Foto | Daisy Market

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *