Cibeles Madrid Fashion Week, o que deu de si

“Este ano non dan chocolate”. Unha conversación pillada ao chou confirmamos que si, que estamos en Cibeles Madrid Fashion Week (CMFW). Nesta edición tamén nos colamos no Cibelespacio para descubrir se estabamos por fin ante o súmmum do glamour e da elegancia ou se, por contra, continúa a ser a feira demasiado salón de exposicións que xa vos contabamos antes. A resposta, atopádea nesta foto.

Poderiamos facer un resumo das tendencias máis in para a tempada primavera/verán do 2012, pero iso xa o fixeron outros con gran entusiasmo e dedicación. Así que nos preferimos facer o top five das cousas que nos chamaron a atención e que se cadra tirariamos ao fondo dun río. Se lavadoras e frigoríficos poden encher os ríos galegos, por que non isto? Velaí van.

1. Rusia en Cibeles. Este ano Rusia está de moda, porque é o ‘ano Rusia en España’. Se cadra só está de moda en Madrid e esa é unha razón máis para aborrecer vivir na capital (ou pasar moito tempo nela), porque aínda non fixeron ningunha actividade das que se diría de relumbrón. Como é o seu ano, Rusia tivo un apartado en Cibeles. E era estraño. As pobres deseñadoras rusas tiveron que quedarse nun recuncho ao carón da cafetería, coa súa roupa (si, tal como te imaxinas a moda post-soviética) pouco transitada e non moi in. Non era vintage, non era folk-eslava. Era… estraña. As deseñadoras, unhas señoras que podían ser as veciñas do teu barrio ou da túa parroquia que van a clase de palillar no centro sociocultural ou na igrexa, estaban sentadas a rexoubar nun lateral. Falaban en ruso así que non podo dicirvos sobre que.

2. O máis exótico… Proba de equilibrio! Como xa vos confesamos, algunhas marcas (e todas as revistas de moda) teñen un stand no Cibelespacio para mostrar os seus produtos, facerse ver e organizar algún xogo para atraer ás multitudes. Ou algunha cousa rara.

Na edición de febreiro, os de Adidas tiñan a uns soldados de Star Wars (que xa me diredes para que…) e nesta ocasión o punto friki púxoo… MBT! MBT é unha marca de calzado que se inspira nos masai e na súa facilidade para camiñar e camiñar  e camiñar sen parar para facer uns zapatos que che axudan (din) a manter o equilibrio. Disque axudan tamén a realizar exercicios musculares e ser máis fortes. Conclusión: non son os zapatos que ningunha fashionista morrería por ter.

Para dar a coñecer a marca, daban un premio (non conseguín saber o que, síntoo) a todo aquel (toda, en realidade) que se atrevese a adentrarse nesta arañeira de fiaños. Semella sinxelo, pero os participantes tiñan que levar uns auriculares xigantescos que engadían o factor proba-do-Gran-Prix á ecuación.

3.Zapatos xigantes. Aínda que alguén se sacaba algunha foto, non parecían chamar moito a atención. Na entrada do Cibelespacio (onde noutra edición que xa non recordo había uns sofás  un pouco raros feitos con acordeóns de papel) un zapato xigante (no que alguén esquecera unha Heinenken valeira) recibía aos visitantes. Era o Shoe Street Art, do que non explicaban moito máis. Este zapato decorado compartía existencia con outros sen decorar, salvo algún grafiti, na entrada do pavillón 4. Pode que todo se aclare con isto. Chegaron coa feira do calzado e quedaron alí para a da moda?

4.Déame algo! Como sempre, colas bastante impresionantes en L’Oreal, onde che maquillan gratis, e no recén chegado GHD, o fabricante de pranchas de pelo (e si, pranchábancho en vivo e en directo). A falta de chocolate, Nespresso levou a todos os afamados. Colas tamén para recibir un chupito de café. Somos un país de mortos coa fame? Máis vale chupito gratis que nada gratis?

5. Cando os cereais de fibra empezaron a ser cool? Os cereais de fibra nunca serán cool. Non nos enganemos: axúdanche a ir ao baño. E hai que dicilo así, con todas as letras. Por tanto, ver a Special K na semana da moda é… estraño. Por moito que encheran o seu stand con teas e cousas para facer modelitos, os cereais de fibra son cereais… de fibra. E non hai volta atrás.

-1. Chimpíns e similares na entrada da feira. O mellor de ir no derradeiro día e no mediodía é que non hai grandes masas humanas, non hai velliñas nin adolescentes que reclaman invitacións na porta e a verdade é que todo é un pouco máis relaxado. Pero… era preciso lembrar que estabamos no final dos días cun despregue de camións, chimpíns (chámanse así tamén os das obras? eu é que escribo de vestidos…) e algunha desas máquinas para mover pesadas cargas. Vale que traballaban no pavillón do lado (preparando que?) pero… non se pode evitar que a xente entre polo mesmo camiño que os camións? Xa é bastante deprimente ter que atravesar o parking dos taxis, percorrer unha explanada de asfalto baixo o sol inclemente de Madrid, para aínda  ter que ver tanto camión de obra. Os camións de obra, en liñas xerais, non son nada fashion.

-2. Adolescentes. Eu teño unha irmá adolescente, pero… As adolescentes, a menos que sexan Tavy, non pintan moito nunha feira de moda. Elitismo xa!

Por certo, por se alguén non pode vivir sen isto: esta primavera/verán que vén tedes que facervos cunha capa, non odiar o look tribal (eu comezarei a mentalizarme), mercar un vestido branco e ser inocente, moi inocentes.

Fotos | Disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *