O que ninguén conta de Cibeles

Eu nunca estiven na semana da moda de Nova Iorque nin nos desfiles en París, pero si estiven e varias veces na Cibeles Madrid Fashion Week, a semana da moda cumbre do panorama español que empeza mañá na súa próxima edición. Fun de civil (lembrádesvos daquel tempo no que Disquecool non existía? para min eran tempos escuros) e cada edición que pasa e cada edición que vou quedo máis sorprendida polo pouquiña cousa que é. Polo menos co que eu esperaba que fose. Os meus recordos infantís da Semana Verde de Silleda son máis abrumadores. E pode que unha rubia galega non teña tanto glamour como a Lomana. Ou si e iso é o que falla.

Para empezar: a CMFW a que a masa ten unha invitación non é a CMFW de verdade. E un lugar chamado Cibelespacio que recolle o ‘espírito-feria-en-IFEMA’. Hai feiras peores, máis cutres e máis miñaxoias. Sen dúbida. Pero calquer FITUR ou calquer Gamefest (só tivo ata agora unha edición pero… vaia! ata unha ignorante dos videoxogos coma min quedaba abraiada) dálle mil voltas e tampouco unha atopa o derroche de glamour que agardaba. Os fines de semana ves dende nenos coa familia ata as sempre inevitables adolescentes hiperniqueladas (que seguro que teñen un blog) e que levan pensado cada detalle do look. Van dende co supermegaestiloso e propio de The Sartolialist ata co de ‘xa verás cando pase o tempo e vexas estas fotos’. Tamén hai uns cantos modernos da rama fashion. E señoras con pelexos. Unha fauna do máis variopinta.

E que se atopan estas xentes? Pois stands, todos no medio dunha luz moi tenue (proba, proba a facer fotos coa túa cámara…) Expostas están as revistas de moda, que reparten exemplares ao rematar os desfiles. Nese momento prodúcese unha estampida e a xente lánzase, como unha marea humana famenta, á procura de números de Elle, da Cosmo ou da Glamour. Entre outras. Logo descubrirán que practicamente ningunha dá números do mes en curso da revista e levarán para casa os consellos para lucir o bikini de xuño. Telva, coas súas axendiñas gratis, e YoDona, con cursos e xente facendo looks, crean aglomeracións.

Ademais das revistas, hai algunhas marcas aínda que non moitas. L’Oreal sempre ten colas quilométricas porque fanche cousas gratis. Pintas os ollos, unha masaxe antidade facial, etc Nespresso dá café e algunha marca de chocolate anacos do seu último produto gourmet (un por cabeza e para de contar). Nun recuncho, os deseñadores emerxentes venden as súas creacións, como broches de feltro ou paxariñas. Iso é todo ao que poden acceder os que entran ao Cibelespacio.

Os desfiles son terreo vedado para a masa. Só pode entrar a prensa que consigue acreditarse e os VIPS que recibiron unha invitación de mans do deseñador de turno. Pero tampouco pensedes que alí o glamour é mortal: en fin, o front row español, non o esquezamos, ten a Carmen Lomana e a xente semellante e non a Anna Wintour ou a Carlota Casiraghi conversando coas socialites estadounidenses. Eu puiden entrar nun desfile unha vez, cunha desas desexadas entradas VIP. Carmen Lomana levaba gafas de sol, o que era lixeiramente ridículo (creo que o fai sempre, con algunha escusa médico visual). A xente miraba máis quen estaba sentado na ringleira de diante que ás modelos (de Francis Montesinos…) e os fotógrafos foron divertidamente crueis coa rapaciña que tivo que presentar uns premios antes do inicio do desfile.

Pero o mellor dos desfiles é o que está fóra. O mellor é a cola inmensa que se forma nas portas nas horas previas, de fans totais da moda. Sentan e agardan, porque se quedan sitios baleiros o garda de seguridade fará que pasen dun en un para encher o baleiro e que quede bonito. É a súa oportunidade de ver un desfile e eles, os que sentan no chan durante tanto tempo, si que aman de verdade o mundo da moda.

Cando saes do pavillón, un dos apartados, e andas polo parking cara a porta do IFEMA, sacudindo a cabeza co lixeira decepción ante só isto, serás mirada con ollos esperanzados por algunha fashionista ou por algunha dama que parece saída do propio barrio de Salamanca e que asaltándote preguntaranche… “Non terás ningunha invitación que che sobre, non?”.

Foto | Disquecool | icanteachyouhowtodoit (portada)

Shares

4 comentarios

  • Pablo di:

    Eu formo parte de todo ese meneo glamouroso de forma profesional, e teño que dicir, que máis ou menos é certo o que Raquel conta, aínda que quizáis un pouquiño dende o punto de vista subxectivo-negativo.

    Como galego traballando en Madrid no sector ferial, a pasarela Cibeles evidencia, se cadra, dous cousas; Por un lado, que os madrileños e a maioría dos galegos, non temos absolutamente nada que ver en canto afrontar as cousas. E por outro lado, a Pasarela Cibeles é o patio de exposición dunha parte recalcitante da sociedade madrileña; a representación perfecta da superficialidade da cidade.

    • Raquel di:

      Ola Pablo! Moitas grazas polo teu comentario! Si, pode que peque de criticona ;) pero debo recoñecer que o impacto da primeira visita foi demasiado malo. Eu agardaba o mundo da moda, como saído do Vogue! e atopeime con … isto! Xa nos contarás que che parece a edición deste ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *