Sempre foi moi delgada, así que tiña que arranxar as prendas que mercaba. Modificaba camisetas, cosía pantalóns. Chegou un momento no que xa non lle gustaba a roupa que vendían nas tendas, así que decidiu realizar as súas propias confeccións, completamente a man. Agora ten máquina de coser, está aprendendo patronaxe e vende a través de Tuenti e Facebook o que con moito mimo elabora durante horas e horas. Non lle importa porque coser é o que máis lle gusta. Ela chámase Zeltia e o seu proxecto Nicanora, moda retro feita a medida desde Santiago de Compostela.
Un manequín e unha máquina de coser presiden a súa habitación. Os retallos esperan a súa quenda ordenadamente no seu escritorio. Ata hai uns tres anos non o tiña tan claro. Empezou a estudar Psicoloxía, pero a vida porfiaba en levala por outra senda, apegada ás agullas, os fíos e as teas. Nun principio Zeltia facía todo a man, primeiro para ela, despois para outras persoas. Podía tardar dous días en ter unha saia, e de patronaxe nin idea, todo saía da súa imaxinación. O ano pasado decidiu apuntarse a clases de patronaxe industrial nunha academia de deseño, e segundo di, xa non se lle resisten nin os pantalóns.
Nicanora empezou por sacar algúns cartos con esta afección á costura, pero Zeltia, de 23 anos, tampouco confiaba excesivamente no éxito desta empresa. Foi a súa irmá xemelga, Lúa, a que empezou a subir a Tuenti, e despois a Facebook, os seus deseños. Foi tamén ela a que deu nome á marca, que homenaxea á nai dunha amiga, que lles facía os disfraces de pequena.
Como adoitan comezar estas cousas, nun principio vendía sobre todo ás amigas e coñecidas. “Non sabía se o facían máis por favor ou porque de verdade lles gustaba”, afirma Zeltia. Entón lembra á primeira rapaza ‘non coñecida’, “de Palencia”, á que vendeu unha das súas prendas. “Subiu a foto a Tuenti e flipei, cando a vin co meu vestido decidín que quería dedicarme a isto“.
A etiqueta di moito de Nicanora, da firma e da persoa que hai detrás. Nunha foto e branco e negro, unha nena -a súa nai-, apaga as velas no seu aniversario. O retro e a inocencia son ingredientes habituais nas obras de Zeltia. Pero esta deseñadora e costureira non quere encadrarse baixo ningunha etiqueta, ela di facer sinxelamente a roupa que lle gustaría atopar das tendas. “Non hai ningunha cousa nas miñas coleccións que non poría para saír á rúa”, afirma. Aínda así, confesa adorar as prendas dos 60 e dos 50, e puntualiza que se transcende algo dos 80 débese á influencia da súa irmá.
“A idea é que a xente poida vestir ben, por iso intento non subir os prezos”, subliña esta modista. Así, a pesares de facer todo a medida -as súas clientas, se viven na área de Santiago van a medirse á súa casa, ou ben, se viven lonxe, mandan as súas medidas por internet-, os vestidos custan entren 40 e 50 euros, e as camisas entre 30 e 35. “Eu quero que a xente coma min poida mercalo”, destaca Zeltia.
Nun coñecido establecemento de teas de Santiago unha vez lle dixeron: “A ti o que che gustan son as teas que aínda están en pesetas”. Unha boa descrición para o que esta deseñadora busca, tecidos que a xente xa non merca, que atopa en tendas de retallos e mercados. Na súa filosofía tamén reside a idea de que “a roupa sempre se asocia a momentos”, por iso hai vestidos que son de edición limitada. Zeltia rescata botóns antigos e teas das que xa non se ven, buscando darlle “un toque máis especial a cada prenda, que sexa única”. “Encántame a idea de lembrarse dun día polo vestido que levabas posto”, explica, ao tempo que engade que as grandes multinacionais de moda que venden roupa moi barata en grandes cantidades estragan eses momentos, xa que é moi probable atopar a outras persoas coa mesma roupa ca ti.
O pasado outono/inverno, coa axuda da súa amiga Lola, fotógrafa, e coa súa irmá como modelo (como ela mesmo di “todo queda en familia”), montou o primeiro vídeo promocional, que segundo afirma constitúe o seu mellor xeito de darse a coñecer. A finais de setembro estará dispoñible o correspondente á tempada que iniciamos, no que están a traballar. Mentres, podes botar un ollo a estes dous.
Para o futuro, Zeltia só desexa costura, moita máis costura. “Se fago isto é sobre todo porque me gusta coser”. Confesa dedicar entre 10 e 12 horas diarias a esta tarefa, que adora, aínda máis que deseñar. O seu soño sería dedicarse total e exclusivamente a darlle á máquina e á agulla, deixar o traballo de fin de semana no pub, e “estar o resto da vida cosendo”. “Gustaríame dedicarme a isto por completo, todas as horas da miña vida, sería feliz”. Entre os seus proxectos a curto prazo, unha colección para rapaces, que moitos xa están pedindo a gritos.
Fotos | Andrés Fraga