Pull&Bear, Bershka e Stradivarius xa están online… e en galego

Hoxe foi o gran día para a chegada de todas as marcas de Inditex ao comercio electrónico. Zara estaba dende non fai moito e con moito éxito, pero o resto de marcas do xigante do grupo estábanse a facer de rogar. E aínda que hai datos abraiantes (un estudio de ING apunta que Inditex podería ingresar máis de 700 millóns de euros só coa aposta ecommerce, o que sería un 5% da súa facturación!), o que nos gustaría destacar é a aposta polo galego que o xigante – galego – fixo nalgúns dos seus sites.

Bershka, Stradivarius e Pull&Bear permitirán facer as compras en galego, como adiantabamos en Twitter. Salvo Stradivarius as outras dúas enseñas tamén permiten mercar en catalán e en euskera, nun exercicio de harmonía lingüística moi pouco habitual nas grandes firmas, como é o caso.

Volveuse Inditex sensible? O certo é que o lanzamento destas marcas está máis traballado que o do que foi no seu momento Zara. As tendas teñen unha imaxe máis lograda e máis completa e no caso de Pull&Bear é realmente un exemplo de boas prácticas ecommerce. Os produtos poden verse sobre modelos e sen eles, de varias formas (carrusel, foto a foto) e con moita información sobre o produto.

Ademais do bo acabado, a tenda online de Pull&Bear tamén apostou por unha promoción cool para chegar aos seus compradores: os 1.500 primeiros usuarios en facer a súa compra levaban con eles unha cámara Lomo, que xa sabemos que o último en tendencia fotográfica hipster.

Shares

1 comentario

  • Pois xa era hora que unha empresa do país apostase polo galego. Vendo os casos de, por exemplo, Mercadona e Ikea, a un entráballe a vergoña ó comprobar que empresas de fóra utilizaban máis o galego ca as daquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *