Cámaras Lomo: o futuro analóxico da fotografía

Quen non coñece as cámaras Lomo? Esas camariñas case de xoguete, con efectos que non logras atopar entre os teus filtros dixitais, conseguiron non solo converterse en algo tremendamente cool, senón tamén manter ese status durante anos.

A clave do éxito, segundo os fundadores, está no sincero entusiasmo. Cando Wolfgang Stranzinger e Matthias Fiegl atoparon a cámara Lomo Kompakt Automat, que facía fotos enmarcadas en viñetas e cos cores super-saturados, adorárona de inmediato, e quixeron compartir a súa paixón. Coma ao principio non tiñan permitido mercar esas cámaras, viaxaban a Rusia e traíanas escondidas para os membros do seu club cultural, que pagaban unhas taxas por pertencer ao club e recibían as cámaras de balde.

Ese club cultural austríaco sería o xerme da Sociedade Lomografía, hoxe constítuida por persoas de múltiples países e con preto dun millón de usuarios. Internet axuda a coidar a saúde da Lomografía cunha páxina oficial dispoñible en tropecentos idiomas onde os usuarios poden colgar as súas mellores fotos e crear unha comunidade interactiva. En canto ao usuario tipo, trátase dunha muller, entre 15-35 anos, cun nivel educativo alto, creativa e moi cosmopolita.

Hoxe a cámara Lomo orixinal xa non se produce, pero por contra atopamos multitude de cámaras diferentes para elixir, diferentes tanto no deseño (as últimas en saír foron unhas divertidas cámaras á imaxe de latas de sardiña) como no resultado que dan: ollo de pez, multisecuencia, flashes de cores…

Aínda que as características básicas da fotografías lomográficas son a saturación de cores (desde o punto de vista da imaxe) e a espontaneidade. Cada quen pode facer o que queira, está claro, pero o decálogo da Lomografía anima a úsala sen pensar, disparando fotos, por exemplo, desde a cadeira. Tamén invita a levar a cámara sempre contigo, e insiste en que non é necesario saber previamente o que captou a película. Porque recordemos, nun mundo invadido polas cámaras dixitais, onde podemos repetir a mesma foto ata que nos guste, e onde pouco importa facer unha ou un millón, as cámaras Lomo seguen a ser analóxica.

Entre esas regras e as limitacións técnicas (porque o que fan as cámaras Lomo é precisamente sacar partido desas limitacións) os detractores da Lomografía afirman que é un produto como moito divertido, pero que non ten nada que ver coa verdadeira fotografía (entendida como artística).  Wolfgang Stranzinger, ao respecto, rebate que as limitacións técnicas nunca detiveron aos artistas. “De tódalas maneiras, a nosa intención non é producir arte, senón aportar un instrumento que cada quen pode utilizar a súa maneira persoal“.

En canto á natureza analóxica das cámaras Lomo, recoñece que no seu momento trataron de sacar cámaras dixitais, pero non atoparon a tempo aos produtores adecuados. “Mirando atrás estamos realmente contentos con esta decisión e cremos firmemente que o futuro da fotografía é analóxico!”

O que está claro é que ademais de ser unha paixón, hoxe en día é tamén un estupendo negocio, con novos modelos saíndo constantemente, e multitude de cámaras e de accesorios para elixir. Se queres facerte coa túa, podes mercalas a través de Internet na súa propia webou en sitios como Ebay. Na vida real hai numerosas tendas que as venden, como poden ser A Reixa en Santiago de Compostela ou U-la en Vigo.

Queres ser membro da Sociedade Lomográfica?

Foto | Diana Gurley

Shares

    5 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *