Paper dolls: o rexurdir cool das bonecas recortables

De súpeto, chega ese día. Xa es propietario dunha cámara Lomo e unha Polaroid, a calceta non ten segredos para ti, lograches ser miope para ter unhas gafas ben grandes, bebes sidra e xerez cando saes por aí, desprázaste sen problemas montado na túa fixie e tes conta en Pinterest e Path e todo o que faga falta. Xa está. O teu pequeno hipster interior é ben visible no exterior e sentes un baleiro algo estraño. Que facer agora? Como continuar? Non te preocupes, aquí tes unha nova afección hipster: as paper dolls. Si, as bonecas recortables de toda a vida.

Pénsao un momento. É moi lóxico. Teñen o punto nostálxico de ser algo que nos lembra á nosa infancia e o punto vintage de saber que, por moito que xogásemos no seu momento con bonecas recortables, seguro que as nosas nais xogaron máis cando eran nenas. Cumpren ademais co requisito analóxico (papel!) e están moi próximas aos mundos da moda e do arte. Quen non querería ter unha boneca de papel á que vestir con gafas de pasta e pantalóns pitillo?

Este rexurdir con verniz hype xa empeza a notarse na rede coa aparición de varias iniciativas que farán que poñas a túa impresora a traballar. A primeira, a nosa favorita, é a das paper dolls de ‘Downton Abbey’. Trátase dos deseños realizados polo ilustrador Kyle Hilton, que cada semana, di no seu perfil de Twitter, crea un recortable das súas series favoritas. As mellores son sen dúbida as da serie británica (a da viúva de Grantham é simplemente xenial), pero ten tamén outras que farán as delicias dos fans de series coma ‘Breaking Bad’, ‘Arrested Development’ ou ‘Parks & Recreations’.

Viuva Grantham

Outra opción, esta para quen teña unha conciencia ecolóxica e medioambiental máis viva e non queira empezar a imprimir cousas, é a de Hipster Dress Up. Trátase dunha aplicación web que consiste precisamente niso: en vestir a un ou unha hipster (hai versión masculina e feminina!). Tes todos os accesorios e prendas de roupa necesarias e si, é unha parvada de xogo, pero avisamos que pode ser bastante adictivo.

Hipster Dress Up

Xa só queda sacar as tesoiras e empezar a recortar (ou non). Confundirás aínda máis aos teus pais (“que agora calcetas? fas biscoitos? bonecas recortables??”), pero é divertido! Ademais, serve como escusa para unha nova board en Pinterest e pasar máis horas perdidos na rede social do momento. Porque si, buscar “paper doll” en Pinterest abre un mundo fantástico de imaxes vintage e proxectos DIY.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *