Urban Knitting, a guerrilla agora calceta

Foron a noticia de telexornais, radios e medios online nunha semana que pouco tiña para contar. Os bolardos en Valencia apareceron cubertos cunhas quentiñas fundiñas de la (a pesar da alerta laranxa). Descoñeciase quen o fixera ou porque, aínda que contrariamente ao que pasa con outras formas de street art neste caso os veciños estaban encantados. “A verdade é que non sabemos quen os fixo nin para que, pero quedan ben simpáticos e alegran a rúa”, díxolle un veciño a un xornal local.

A identidade destes sorprendentes texedores era a de Urban Knitting Valencia, o comando local do movemento Knit the City, que enche as cidades de elementos feitos a calceta. A última forma de arte guerrilla ben a podería aceptar a túa doce avoíña.

O Urban Knitting naceu como guerrilla artística hai xa uns tres anos en Londres: o seu modus operandi é sinxelo. Chegan a un lugar, coas súas pezas xa calcetadas, e realizan a súa instalación, vestindo con prendas calcetadas o mobiliario urbano. En Valencia, por exemplo, os bolardos – odiados por tantos – convertíronse en xirafas, setas ou bonecos. Estas accións non teñen un profundo significado político, como explican na páxina do movemento, senón que simplemente lles gusta facelo e parécelles unha bonita forma de expresión artística.

O seu momento de gloria foi xusto antes do Nadal cando Olek vestiu cun traxe de la ao icónico touro de Wall Street. Aínda que Olek deixa claro que se podería sentir moi ofendida se alguén insinuase que o que ela fai é similar as accións guerrillas dos comandos da calceta (ela fai arte, como lle explica a The New York Times) a súa instalación non fixo máis que dar leximitadade aos máis anónimos guerrilleiros da la.

En España só hai grupos activos e organizados en Valencia e Bilbao, aínda que parece case seguro que tras o éxito da acción de Valencia agora moitos máis tratarán de emular o impacto conseguido con esta forma de – quentiña – expresión artística. Para cando un comando en Galicia?

Fotos Facebook Knit the Cityemma.kate

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *