Lembras Entropa, aquela polémica escultura feita por un artista checo con motivo da presidencia do seu país na Unión Europea que mostraba os distintos países de Europa cos seus clichés máis negativos? Lembras que en teoría cada escultura fora creada por un artista do país en cuestión (construción para España, retretes para Bulgaria, autopistas con certa reminiscencia a unha esvástica para Alemaña…), pero que ao final se descubriu que fora todo obra do artista checo e dous amigos seus?
O artista checo é David Černý e non era un recén chegado ao mundo do arte nin un descoñecido na República Checa (e na escena internacional). En Disquecool somos moi fans do seu traballo e sabemos que as súas mellores obras non están en ningún museo, senón espalladas pola capital checa, así que se tes planeada unha viaxe a Praga, apúntate esta vía alternativa seguindo as súas esculturas. Escaparás dos turistas e volverás cunha idea moito más real do que é a República Checa.
1. Home colgante. Esquina Husová e Skořepka. Para ver esta escultura non terás que saír do percorrido turístico, pero seguro que a maior parte da xente que pasa pola esquina entre estas dúas rúas da zona vella, entre a Staroměstské náměstí e a Ponte de Carlos, nin sequera se decata da súa presenza. Por que? Porque para vela hai que mirar cara arriba: e aí está, un señor con barba e gafas (moi parecido a Sigmund Freud), colgando de forma casual dun pao que agarra cunha man.
2. Cabalo Lucerna. Galería Lucerna. Cando visites a impoñente Praza de Wenceslao (Václavské náměstí), afástate un momento do centro e entra na Galería Lucerna. Dentro atoparás un enorme cabalo do revés, cun xinete moi parecido ao San Wenceslao que preside a Praza, a tan só 200 metros. Foi deseñado para colocarse na oficina central de Correos, pero finalmente o director dixo que era “demasiado”. Non especificou que quería dicir “demasiado” exactamente.
3. Bebés na torre da tele. Unha das obras máis visibles de David Černý en Praga é a dos enormes bebés que gatean pola torre da televisión de Žižkov. En principio ía ser unha instalación temporal, pero a acollida foi tan positiva (libre de polémica!), que finalmente deixouse como exposición permanente. Os bebés forman xa parte da silueta da torre da televisión e representan un dos atractivos turísticos da Praga máis moderna, ademais de facer esquecer que uns anos antes da instalación dos bebés, a torre da televisión fora escollida como un dos edificios máis feos do mundo.
4. Klaus e Knížák. Galería Futura (Holecková 49). Esta instalación, pola contra, si foi e é polémica: o visitante sube unhas escaleiras ata chegar a un cu xigante. Se se mira polo burato, pode verse unha proxección que mostra a Václav Klaus (presidente da República Checa desde 2003, coñecido pola súa posición euroescéptica e salpicado por escándalos de corrupción nos 90), e a Milan Knížák (director xeral da Galería Nacional de arte de Praga) dándose de comer o un ao outro.
5. Pistolas + Shark. Para atopar estas dúas esculturas terás que informarte antes, xa que aínda non teñen lugar fixo definitivo. Actualmente atópanse xusto antes de chegar á Ponte de Carlos, se miras cara á esquerda, dentro dunha galería. As pistolas xigantes teñen tamén son (ruído de cisterna, coches, etc), aínda que a escultura realmente polémica é Shark, que mostra a Sadam Husein, en roupa interior, coas manos atadas ás costas e a soga na que foi aforcado aínda no pescozo, flotando nun líquido que podería ser formol. A comparación con Damien Hirst é inevitable. A obra foi censurada en Bélxica e en Polonia.
6. Embrión. Na fachada do Theatre Na zábradlí (Anenské námestí 5). Unha das obras máis recentes de Černý: unha tubería que se converte en embrión. Pola noite emite luz cun ritmo que lembra ao latexar do corazón. Esta obra foi tamén bastante criticada no seu momento, con algúns chegando ata a dicir que parecía unha úlcera máis que un embrión, e que sería entendido como unha crítica ao teatro.
7. Pissing men (homes que mexan). Na praza Hergetova cihelna, ao lado do Museo de Kafka. Dous homes de bronce mexan sobre unha plataforma coa forma da República Checa. O mellor, non obstante, é que se trata dunha escultura interactiva: podes enviar un SMS para que os homes debuxen a mensaxe que ti queiras coa súa mexada. Xa dixemos que Černý ten un sentido do humor especial…
8. Meet Factory. Ke sklarne 15. Toda visita a Praga que queira seguir os pasos de David Černý ten unha parada final obrigada na Meet Factory, unha antigua fábrica restaurada polo artista para acoller un centro cultural, galería, estudio, teatro e editorial, todo en un. A fachada xa é claramente Černý, con dous coches vermellos colgando para evitar pasar desapercibido.
Foto portada | Disquecool
Que ganas de ir a Praga!!
Noraboa polo artigo. A obra de Černý son dende logo elementos disruptivos na arquitectura clásica do centro de Praga que merecen verse. Engadir outra obra “Pink Tank” que se pode ver na Kinsky Namesti, e que os Bebés da torre da TV tamén se atopan no exterior do Museo Kampa de Arte Moderno e Contemporáneo (U Sovových mlýnů 2) onde se poden ver máis de preto, tocar, subirse,.. Un saúdo!