Fascinante Lee Miller

Autorretrato. Lee Miller

Esta podería ser – e é en parte – a historia dun fillo que coñecía pouco da vida – incrible – que levara a súa nai. Ese fillo, Tony, descubriu despois de que a súa proxenitora morrera un arquivo secreto no faiado, cheo de fotos, os documentos que as contextualizaban e moita información que descoñecía sobre a súa nai, Lee Miller. E a muller que acababa de morrer de cancro, que pasara os seus derradeiros anos afogando unha tristeza moi fonda en whisky, mostróuselle dunha maneira diferente: resultou ser unha incrible e moi interesante fotógrafa.

Lee Miller naceu no 1907, nun pobo de Estados Unidos, nun fogar acomodado e cun pai ao que lle gustaba moito a fotografía, tanto que a converteu na súa modelo e lle ensinou os secretos dese arte nacente. Miller era unha nena pouco convencional, que foi expulsada de todas as escolas das que foi inscrita de rapariga. Iso é o que nos contan no primeiro panel da exposición Legendary Lee Miller, que ata mediados de setembro pode verse na Coruña. O que non nos contan é que Miller foi violada por un amigo da familia aos sete anos, o que a traumatizou de por vida.

Nos anos 20, Lee Miller está en Nova Iorq. É unha muller moi fermosa e un momento que puido ser unha traxedia converteuse no pasaporte para a súa nova vida. Un automóbil estivo a piques de atropelala, pero foi salvada polo tsar dos medios, Condé Nast. Miller empeza así unha carreira como modelo para Vogue e, case ao mesmo tempo, unha carreira como fotógrafa. Viaxa a París, onde se converte en aprendiz de Man Ray (tamén a súa parella), con quen experimenta coa solarización. As fotos da súa etapa surrealista ocupan a primeira parte da exposición.

Cando volve a Estados Unidos acaba de estoupar a crise do 29 e as veleidades artísticas de Miller non son un moi efectivo modo de sobrevivir. Non é capaz de vender as súas artísticas fotos surrealistas. Monta, co seu irmán, un estudio de fotografía, onde fai elegantes e modernos retratos de socialites (que tamén se poden ver na exposición), pero iso acaba atándoa e non é tan emocionante como facer simplemente arte. Lee Miller casa cun millonario exipcio e pasa os anos 30 descubrindo os encantos do Sáhara e coñecendo a artistas surrealistas, como Ronald Penrose, por quen deixará ao seu marido e o cómodo mundo dos millonarios.

Tras ese período, Lee Miller pasa a Inglaterra, onde chegara antes de que estale a guerra e onde vivirá os bombardeos da Alemaña nazi. Entón era fotógrafa de moda para Vogue, pero ao tempo que retrata bolsos e abrigos de última tendencia fotografía os efectos do Blitz en Londres. Miller acaba por converterse na correspondente de guerra de Vogue, que naqueles anos levaba en todos os seus números artigos sobre a Segunda Guerra Mundial. Lee Miller, a artista surrealista, a antiga modelo e a fotógrafa de moda, segue ás tropas aliadas no avance que porá fin á guerra. É a primeira en chegar a moitas batallas, sendo ademais a primeira fotógrafa —co seu colega David E. Scherman— en entrar nos campos de Buchenwald e Dachau. Convertese incluso na protagonista dunha emblemática foto do seu colega, a que a mostra sacándose o po do camiño ata Alemaña na que fora a bañeira de Hitler.

Algunhas das fotos de Miller condensan o horror da guerra de forma incrible. Aínda que Sherman volveu tras a fin da Segunda Guerra Mundial ao fogar, Miller quedou retratando as miserias da postguerra. A súa foto dun neno desnutrido dun hospital de Viena, ao que non poderán salvar porque roubaron todas as medicinas do centro, é unha das imaxes máis impresionantes da exposición.

A exposición, na sede da Fundación Novacaixagalicia, percorre todas estas etapas da carreira de Lee Miller, acompañadas dunhas explicacións moi interesantes e uns paneis moi ilustrativos. Os fondos pertencen á fundación que recupera a memoria da fotógrafa, posta en pé polo seu fillo. O único criticable é a confusa orientación das visitas: obviade o que vos recomendan e tras visitar a sala máis grande da segunda planta non pasedes á máis pequena ao carón. Baixade á primeira e volvede subir despois. Así respetaredes á orde cronolóxica e, aínda que acabar coas fotos de Dachau é moi impresionante, será máis fácil seguir o fío da exposición. E sobre todo non dubidedes en preguntar ás vixiantes (un dez para a que estaba a semana pasada na planta un: coñecía moi ben a Miller, a súa obra e a súa vida).

Despois da guerra e de vagar pola Europa desfeita polos horrores da guerra, Miller volveu a Inglaterra, onde se estableceu no campo con Penrose tras quedar embarazada do seu único fillo. Pensou que as súa imaxes axudarían a non repetir nunca máis as barbaridades cometidas. Cando se deu conta de que os horrores da Segunda Guerra Mundial non serviran para nada, quedou completamente desencantada. Esqueceu a fotografía e arquivou as súas obras. E pouco a pouco foi caendo no esquecemento. Ata agora.

*A obra de Lee Miller ten unha interesante galería en Flickr

Foto | Novacaixagalicia

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *