Power to the nanas!

As nanas son as figuras máis coñecidas da escultora (e pintora, e cineasta, e mesmo modelo da revista Vogue) Niki de Saint Phalle, nome real aínda que non o pareza. Inspíranse (as nanas) na figura dunha embarazada e son tanxibles Nais Terra modernas, cheas de cor, voluptuosas esculturas pertencentes ao mesmo tempo á tradición máis remota e ao pop art.

Podemos gozar delas en numerosas cidades (eu atopeinas en Lisboa) pero probablemente a máis famosa sexa Hon (ela en sueco) exposta en 1966 no Museo Moderno de Estocolmo. Trátase  dunha xigantesca nana encinta, tombada sobre o chan, de 6 metros de alto, 9 metros de ancho e 28 metros de lonxitude, que alberga no seu interior espazo lúdico de exposición interactiva. Para chegar a ese interior temos que facer o proceso inverso do seu bebé e acceder mediante a súa vaxina (que escándalo).

Pero as nanas non son o único interesante que nos ofrece Niki de Saint Phalle. Tras uns difíciles anos de adolescencia (ao final da súa vida escribiu unha autobiografía onde contaba que sufrira abusos de seu pai), foxe do fogar con 18 anos, casa e ten dous fillos. Pouco despois sufre unha crise psicolóxica e ten que ser internada nun hospital psiquiátrico. Alí descobre que pintar é a mellor terapia e desa maneira un tanto accidental e completamente autodidacta irrompe o arte na súa vida.

Nos anos 60 é moi coñecida polos “Tiros con carabina”,  obras nas que tanto ela coma o público disparaban contra bolas de pintura que corrían por lenzos con diversos materiais ensamblados. Aínda que o realmente apaixonante son as súas esculturas. Comeza explorando os habituais roles da muller a través de collages esculturais de meigas, noivas, parturientes e prostitutas. E continúa coas marabillosas nanas, creadas primeiro con la, ferro e papel maché e despois en poliéster, símbolo dunha feminidade forte, alegre e autónoma. Ata tiñan o seu propio lema: Power to the nanas! e acabaron aparecendo en pósters, xoias e perfumes.

En colaboración co seu  segundo marido, o escultor Jean Tinguely crea a famosa fonte pública Stravinski, que podemos admirar ao carón do museo Pompidou. Alí, 16 esculturas que botan auga (ás de cores feitas por Niki, as negras mecánicas de Tinguely) representan os distintos traballos do compositor Stravinski.

Outro proxecto fantástico e o “Xardín do Tarot”, que se pode visitar na Toscana e que ten a súa orixe nunha visita ao Parque Güell. Ela, como Gaudí, quería crear o seu “propio xardín de alegría. Un  paraíso creado na intersección entre a obra do home e a natureza”. Nese parque atopamos 22 enormes figuras de porcelana fantasiosamente inspiradas nas diferentes cartas do Tarot.

Niki de Saint Phalle morrerá no 2002 tras unha larga enfermidade pulmonar causada pola inhalación de vapores tóxicos durante o proceso de construción das súas obras.

Fotos | Dbking e Jonas B

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *