Está a non moitas horas en coche de Galicia e sen embargo témola bastante esquecida. Lisboa, a capital portuguesa, é un destino decididamente cool. Repleta de museos gratuítos e xeniales, cunha chea de tendiñas encantadoras e outro tanto de restaurantes estilosos nos que cear ou comer, Lisboa é un destino menos coñecido que outras capitais europeas convertidas xa en parada obrigada para todos os que saben de tendencias e que debería ser xa descuberto.
– A Loja. Xa vos falamos de A Loja, unha tenda encantadora na Alfama repleta de cousas bonitas e escollidas con esmero. Está no Largo dos Trigueiros, 16B.
– Nobre Povo. Ao carón do castelo de San Xurxo, unha tenda permite facerse cos mellores souvenirs de Lisboa. Para todos aqueles que están fartos do galo de Barcelos e do imán para a neveira cun tranvía retro, existe este interesante recuncho.
O castelo de San Xurxo é un must para todos os visitantes da capital lusa. O equipo de Disquecool que se desprazou ao país veciño non acaba de verlle os prezos. Si, para os xornalistas é gratis pero para o resto da Humanidade anda nos sete euros. E aínda que as vistas son impresionantes e o lugar ten moita historia, o prezo segue a parecer excesivo cando acaba a visita. Pero preto hai polo menos un restaurante pequeno e moi cool e esta interesante tenda de souvenirs e artesanía.
En Nobre Povo non hai nada de “cousas típicas” como nos explica o seu responsable, Pedro Chaves. Catorce autores diferentes asinan “pezas de autor”. Cerámica e outras formas de artesanía enchen o local do que se pode saír dende con figuriñas estupendas de Pessoa ata con broches de pachtwork moi bonitos e nada caros, asinados por unha artista local. Na Rúa Bartolomeu de Gusmao, 23 e 25.
– Arte na rúa na Alfama. Baixando por unha das costaneiras aterradoras da Alfama (quen non pensa que vai acabar chegando ao final a rolos?) pode acabar, como nos pasou a nós, dando de bruces cunha instalación na que se homenaxea aos veciños do lugar.
A obra, Um tributo de Camilla Watson, sitúa polas paredes da rúa imaxes dos habitantes de máis idade da zona, acompañadas polos seus nomes.
– A Conserveira de Lisboa. Ten horarios de colmado de toda a vida así que hai que ir en días laborables e en horas decentes. Conservas con aspecto retro enchen o comercio dende o chan ata o teito. O mellor é facerse con algunhas xa que as levarás envoltas en papel de embalar atado con bramante verde. Xa non teñen a caixa rexistradora da época de María Castaña que poñen todas as guías pero segue a ser o paraíso retro prometido. Na Rúa dos Bacalhoeiros, 34.
– Museo Colecçao Berardo de Arte Moderno e Contemporânea. Portugal non ten unha miss reconvertida en baronesa e coleccionista apaixoada de pintura de todas as épocas, pero ten un millonario amante da arte contemporánea que fixo un fondo con autores de todas as correntes do século XX. Unhas cantas obras de Andy Warhol, unhas esculturas de Nikki de Saint Phalle que inmediatamente adoramos (hai unha que podería ser Lady Gaga, xurámolo) e unhas cantas obras máis forman a exposición permanente deste museo. É gratis e aínda así non caeu baixo o dominio das hordas de turistas que percorren Belem. Na Praça do Imperio.
– Peixaría Moderna. Non vos deixedes enganar polo aspecto sorprendente deste prato. Sabía bastante ben. Non podemos dicir o mesmo dun prato extraño con atún que tamén testamos e que non conseguiu convencer á totalidade do equipo. Pero aínda así a Peixaría Moderna é unha parada obrigada.
Unha inmensa mesa que podería ser comunal (se non o é xa), unha chea de xente estilosa (e outra do máis normal: a Lisboa cool é a mar de democrática) e un toque peixería real sorprendente: así é este lugar. O mellor da carta é a exposición de peixe fresco. Podes ir, escoller coma nunha peixería e eles cocíñano para ti. Na Rúa do Loreto, 21.
– Museo do Design e da Moda, MUDE. Este museo é tan moderno, tan moderno, tan moderno que unha queda un pouco abraiada na visita. A verdade é que non sabería dicir se visitei a cumbre do post-museísmo ou se todo aquelo era lixeiramente ridículo.
O MUDE ten certo aire de centro okupa, aínda que non o é. As paredes están en formigón á vista, como se botaran aos obreiros á metade da obra e non lles deixaran acabar.
Nese entorno sorprendente (eles mesmos explican que non queren ser a caixa branca na que agora se converten os museos…) móstrase a evolución do deseño e a moda durante o último século. Mobles de principios de século, roupa dalgúns dos grandes deseñadores e ata unha mesa Lack de Ikea forman parte da exposición, sempre cambiante.
O mellor, o máis sorprendente, é a instalación (publicidade si, pero estupenda) de papel hixiénico Renova do baño de mulleres. Moi fan.
Na moi céntrica Rúa Augusta, 24.
Fotos | Disquecool