Reto Disquecool (III): De Passau a Viena

vista dende a vila de Grein da outra ribeira do Danubio.

Passau, coas súas casas de cores reflectíndose nos seus tres ríos: o Danubio, o Eno e o Ilz, ten algo que invita a sentarse e contemplar. Humboldt situouna entre as cidades máis fermosas de Europa, e aínda que quizais sexa algo esaxerado, non cabe dúbida de que resulta un pracer camiñar polas súas rúas empedradas, curioseando entre galerías de arte e tendas de artesanía.

A última cidade que visitamos en Alemaña marca o principio da segunda parte da nosa viaxe: a parte austríaca do Donauradweg, que nos conducirá ata Viena. Trátase dun tramo máis turístico (a afluencia de ciclistas aumenta considerablemente e vense moitas bicis de aluguer de viaxes organizadas), pero tamén moi fermoso. Se en Alemaña nos conquistaron as súas pequenas vilas, en Austria quedamos prendados da súa paisaxe, máis cambiante e montañosa.

Outro dos aspectos que diferencian esta parte da alemá é que os carrís son case autopistas de bicis, xa que están practicamente todos asfaltados, e o percorrido é aínda máis chan, polo que os quilómetros se suceden con moita facilidade. Ademais, é posible circular pola marxe norte ou pola sur, excepto nalgúns tramos puntuais, nos que só se pode pedalear por unha das beiras. Ao longo de todo o traxecto atoparemos varias pontes para cruzar dun lado ao outro, así como pequenas embarcacións para trasladar persoas e bicis.

Un dos moitos ferrys que permiten cruzar o  Danubio, Austria.

Nós comezamos polo norte, e enseguida nos conquista a paisaxe. Imos máis preto da auga, e a pesares de circular por terreo chan, temos a sensación de estar na montaña, dadas as escarpadas marxes do río. A vexetación tamén é variada, con flores de todas as cores, e o Danubio faise grande e acolle barcos e cisnes. Algunhas veces parece incluso azul.

En Schlögen, xusto cando o Danubio, encaixonado entre as montañas, fai unha pronunciada ‘U’, collemos o ferry para cruzar á outra marxe, pola que realizaremos o resto do traxecto ata Viena. Nesta segunda parte da viaxe tamén paramos en Linz, unha cidade aparentemente gris que resulta estar chea de vida, polo que noutra ocasión lle dedicaremos unha entrada en exclusiva; e facemos unha breve visita ao campo de concentración de Mauthausen, onde estiveron recluídos milleiros de españois republicanos.

un dos moitos lugares para comer á beira Danubio, austria.Tamén percorremos a fértil zona de Wachau, coñecida pola súa produción de albaricoques e uvas, que lembra un pouco á Ribeira Sacra coas súas ladeiras poboadas de vides. O noso veciño de camping, un holandés importador de viños, invítanos a unhas copas de Grüner Veltliner, un branco da zona que segundo nos conta é similar ao Albariño, aínda que menos “tropical”.

En cinco días, a unha media de 65 quilómetros por etapa (90 na última xornada!), alcanzamos Viena, catro días antes do previsto. Tras dúas semanas pedaleando a carón do río, atravesando encantadoras vilas e respirando aire puro, a nosa entrada na rebolideira capital de Austria déixanos en estado de shock. O carril transfórmase en ducias, e os semáforos, os ríos de xente e as grandes avenidas fan que por uns instantes desexemos volver atrás, ao calmo Danubio. Pero Viena pronto nos atrapa entre os seus museos e acolledores cafés. Tras uns días de turismo realizaremos os últimos quilómetros ata Bratislava, o destino final. O noso Reto Disquecool está practicamente conseguido!

Fotos | Andrés Fraga

*Podedes ler aquí como empezou o reto Disquecool e ir lendo como avanza no seguinte enderezo e no hashtag #disquerreto

Shares

2 comentarios

  • Vane di:

    Que envidia!!!!!!!!!!!! de la buena….. Vale la pena el reto… que paisajes, la vivencia, las comidas…..impresionante. Cualquiera se queda en estado de shocK. Disfrutarlo!!!!

  • aneirar di:

    Sei que a envidia é pecado. Da igual: “Dádesme moitísima envidia” . Igual vou a Madrid a confesarme neses confesionarios adosados tan monos do Retiro.
    (¿Qué pinta o Retiro aquí?). A seguir disfrutando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *