La Postrería: doces e máis doces na Coruña

Nunha mesa, ao carón da entrada, un home de idade séntase, saca dunha bolsa un libro (un ensaio, aínda que non se podía ler moi ben dende a miña posición que título era o seu) e ponse a ler. Unha sorprendente visión, porque este non é a clase de lugares nos que se debería atopar unha a un velliño lendo. Claro que quen escribe, no canto de lanzar miradas de femme fatale á concorrencia, tamén sacou un libro do bolso e le mentres espera o seu café. Así que perdoamos esta incoherencia.

Estamos no lugar máis cool da Coruña, no espazo no que se deben citar todos aqueles que queiran ser estilosos na cidade. Chámase La Postrería e, como o seu nome indica, é o paraíso dos doces e os postres.

La Postrería é, segundo apuntan na súa páxina, “un espazo gastronómico vangardista, froito do soño dos seus creadores, o interiorista Juan Morandeira e o cociñeiro Rubén Romero” que fusionaron os seus dous ámbitos de traballo para crear un lugar cunha “ampla oferta gastronómica en torno a un núcleo central, a cociña doce”.

A carta de La Postrería inclúe tamén pratos salgados para comer ou cear, aínda que o máis importante e o máis recomendable son os doces. No noso caso, probamos os macarons, un doce que se está poñendo moi de moda e que é en moitas ocasións unha perversión do orixinal francés.  Os de La Postrería non son os mellores probados por esta redactora (é moi difícil superar a exquisitez dos de Moulin Chocolat, en Madrid) pero tampouco desmerecen demasiado: ningún francés se sentirá estafado ao probalos.  A carta de postres é moi completa e supón un reto moi complicado escoller con que quedarse de todo canto se pode degustar.

Ademais da carta dos postres tamén é destacable a decoración. Se cadra é un pouco escura de máis (polas noites, o paraíso dos postres e as merendas transfórmase nunha coctelería, coa que pega moito máis), aínda que iso non lle quita estilo.

Recomendable sobre todo para unha tarde noite do máis Gossip Girl

Foto | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará