10 restaurantes cool de Vigo

O Baño María

Hai dúas cousas que poden ser cool nun restaurante: a comida ou a decoración. Cando a comida é cool, falamos normalmente de cociña creativa: pratos decorados, mesturas sorprendentes, influencias doutras gastronomías… En canto á decoración pode variar: o minimalista é cool, o vintage é cool e ata o étnico é cool.

A calidade non sempre é un valor seguro nos restaurantes de moda, pero trataremos de dar con algún que, polo menos, cumpra os mínimos (é que eu crecín no prexuízo de que os únicos lugares con comida de calidade son as tascas). Outra cousa que non sempre atopamos é cantidade, pero en fin, ideal para coidar a liña.

E agora si. Se vés a Vigo e queres probar un sitio cool, non dubides en meterte nalgún destes:

1. A creperie do mar

Moi ben decorada, nunha especie de verxel ecléctico, os pratos non son menos. Só hai crepes, ben é certo, e todas levan os mesmos ingredientes de base: desde queixo e tomate ata porro ou noces. Pero tamén hai que dicilo, están deliciosas. Sae por moi bo prezo, porque cada crepe é para dúas persoas (e dou fe que chega). Si isto non che parece suficientemente cool, que saibas que de cando en vez fan o de 7 citas 7 minutos.

Real, 22.

2. Gálgala

É un restaurante vexetariano, pequeniño e de longa traxectoria. Como a maioría dos vexetarianos, teñen comida de calidade, e cociñada moi a modo “da casa”. Vaia, o típico restaurante ao que poderías levar aos teus pais, se non fose porque leva ingredientes raros: soia, tofú, etc. Ademais, respírase felicidade no ambiente, os camareiros están sempre hipersorrintes e sérven en pratos de coloriñas. A carta cambia cada día e destacan especialmente as cremas de verduras e o cuscús.

Pracer, 4.

3. Tamarindo

Arepas, crepes, ensaladas e bocatas deliciosos nun pequeno local colorista e acolledor. A comida, caseira, ten ao mesmo tempo un toque orixinal, con froitas en diferentes pratos, hamburguesas vexetais e zumes moi exóticos. Eu recomendo vivamente as crepes de polo e ananás (dous rollitos-crepe recubertos con salsa de tomate e albahaca, que non só están moi bos, senón que tamén resultan contundentes). Polo demais, contan con zona wifi.

Roupeiro, 7.

4. Oh sushi

A comida xaponesa está de moda, e, especialmente, o sushi. Aínda que eu non son gran fan diso de comer peixe cru, sei recoñecer cando se fai ben, e este é o caso. Nun local sobrio e intimista, podes gozar de distintas variedades de sushi, sashimi, ou tataki. Para os menos atrevidos, tamén hai pratos cociñados coma o clásico polo teriyaki ou as gyozas (empanadillas de carne e verduras).

Martínez Garrido, 83.

5. Doméstica Causa (agora Mama Huhu, creo)

Levan tamén anos e anos en Vigo, e o certo é que nunca estiveron “de moda” pero contan coa súa clientela fiel. O ambiente é bo, os camareiros simpáticos, e o local está moi ben decorado, elegante e ecléctico. A cociña, de fusión, ofrece pratos moi variados (aínda que debo dicir que non sempre teñen todo o que propoñen na carta). Destacan os risottos varios, e a peituga de polo enchida con langostinos.

México, 10.

6.La comidilla

Decoración alegre con cadeiras  e mesas de cores e  pizarriñas por doquier, e agradable música de ritmos étnicos. O que se entende por un sitio acolledor. Ofrecen pratos caseiros, desde tradicionais (tortillas, ovos rotos, gazpacho) ata “do mundo”.

Palma, 5.

7. Marcelino pan y vino

Basicamente é cool porque está nun museo (no Marco), así de simpliña son. O ambiente moderno e elegante non defrauda. Eu nunca comín aquí, pero fontes fiables aseguran que o menú do día e bo e barato, que o ambiente ao mediodía é moi tranquilo e que a comida que se serve é de calidade. Haberá que probalo.

Príncipe, 54.

8. Baño María 

Coas paredes de pedra, e ocupando dous pisos dunha vella casa, resulta sobrio e elegante. Abaixo podemos comer de tapas, mentres que arriba está o restaurante (que eu nunca probei). Creo que entre semana dá mellor resultado que durante os findes, decididamente, a miña experiencia foi boa, con tapas ricas como táboas de embutido, tostas, ou revoltos. O que máis nos gustou foron os petiscos de polo e o queixo frito con marmeladas.

Martín Códax, 10.

9. Isola Bella

A verdade é que a impresión do restaurante non é moi cool (ou so o é na medida en que o cutre está a volverse cool), pero conta coa particularidade de que normalmente é italiano, e un par de noites á semana convértese en xaponés (o xaponés é moi cool, iso xa o dixemos). As pizzas non son moi variadas, pero son xigantescas e están moi boas. A probar o brownie de chocolate con xeado de vainilla, que sabe ben, no como esas imitacións que che dan cando saes a comer fóra.

Ecuador, 23.

10. Room Lounge Bar

Aviso: este bar está tomado por xente nada cool: pijos con camisas brancas e mozas rubicundas con escotazo, pero as cousas como son, foi deseñado para ser cool. A decoración é minimalista, con dous espazos diferenciados (restaurante e lounge), e os platos resultan moi modernos e orixinais, iso si, non moi abundantes.

García Barbón, 18.

Foto | Baño María

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *