Crêperie do mar: sabor bretón

Unha crepe é sempre unha opción atractiva, pero moitos non sabíamos o que era realmente unha crepe  bretona ata entrar na Crêperie do Mar, situada no Casco Vello de Vigo (rúa Real 22).

Por que non, unha crepe non é o mesmo que unha filloa. E unha crepe bretona (das de verdade) non ten nada que ver con esa masa brandiña que nos intentan colar nos postos de rúa de París, por rica que estea. A crepe bretona estala na boca, lixeira, deliciosa. Se realiza con un ingrediente clave que sempre se debe respectar: a fariña de Sarraceno, procedente do trigo negro.

E segundo o dono da Creperie do Mar, Hervé Valette, o éxito (que é bastante) da Crêperie do Mar se debe, simplemente, a esa receita bretona. “Se tes a formación en Bretaña, é moi fácil facer crepes que triunfen. É todo mérito da gastronomía da rexión”.  O menú bretón pode completarse con bebidas tamén típicas, como a sidra (doce ou amarga) e o chuchen, un licor celta feito a partir da mel. E aínda que non é típico bretón, tamén hai chupito de aloe vera!

Pero mesmo se as crepes (que ademais saen moi ben de prezo, pois cada crepe é para dúas persoas), son, sen dúbida, a clave da súa popularidade, non son as únicas responsables. A decoración, exótica, exuberante e moi orixinal, froito da inspiración viaxeira do propietario, da como resultado un ambiente cálido, plácido e amigable.

E quen é o entrañable e  estentóreo propietario? Hervé Valette chegou a Vigo fai  4 anos, procedente de Suíza, ou quizais Inglaterra, Bélxica ou Martinica. Ten traballado en moitos oficios diferentes, pero o meu favorito (exceptuando o presente, claro) é o de mordomo para un lord londinense. Para saber da súa educación culinaria temos que remontarnos uns cantos anos atrás, ata a súa infancia, cando a súa avoa bretona (el era parisino) lle ofrecía saborosas crepes,  que aprendeu a reproducir traballando na Crêperie Marine (sóache o nome?) de Loctudy, Francia.

O patrimonio gastronómico bretón, aderezado co mimo dun negocio artesanal permitíronlle  á Crêperie do Mar gañar, ademais de moitos clientes, dous premios en dúas edicións consecutivas do Concurso de Tapas de Vigo (e eu que as probei dou fe que o merecían). Este restaurante tamén innova noutras lides: o Speed dating.

Si, si, como o oes. Aínda que te soe a un filme hollywoodiense, iso pasa aquí, ao lado de casa. Hervé explica que nas grandes cidades europeas é algo tremendamente popular, pero que aquí non había oferta. A pesar das miñas reservas (pero ven moita xente?) el afirma que numerosas persoas mostraron o seu entusiasmo ante unha actividade nova e que “vai directa ao corazón”. Por se non oíches falar do Speed dating consiste en coñecer a varias persoas en pouco tempo (7 persoas con 7 minutos para conversar con cada unha, e todo con finalidade “pseudoamorosa”). Iso combínase con xogos, cea a base de crepes e cóctel da casa. Por mágoa, o Speed dating agora mesmo está parado, porque a rapaza que o levaba marchou da cidade. Pero en canto atopen a alguén novo, volverán a organizalo.

E se con tantas boas referencias, que só exista unha Crêperie do Mar ponte triste, que saibas que pronto poderemos gozar destes fabulosos crepes bretóns tamén en Vilaverde, cerca de Braga, Portugal.


Fotos | Disquecool

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *