O xeado morreu. Viva o frozen yogurt!

En lugares coma Madrid ou a costa de Levante empezan a florecer como flores na primavera. A ultimísima sobremesa, guilty pleasure ou merenda de confesións digna dun capítulo de ‘Sexo en Nova Iorque’ é o iogur xeado. Ou o frozen yogurt, que é o seu nome orixinal. Morte para sempre ás bonitas pero pouco aptas para o verán cupcakes? Morte para sempre ao xa tan visto e algo calórico xeado de toda a vida?

“Non ten nada que ver co xeado”, explícanos ao outro lado do teléfono Ana Picó, a responsable de ö!mygood e quen, segundo confesa, trouxo o iogur xeado a España. En Estados Unidos lévano tomando 40 anos e xa forma parte da súa alimentación (e xa lle deu nome a unha versión de Android, o sistema operativo para móbiles de Google que sempre leva nome de doces nas súas diferentes versións). “Tardou moito en chegar a Europa”, recoñece Picó, apuntando que hai uns tres ou catro anos entrou en Francia e en Reino Unido. E agora esta delicia “supersana” está a chegar á Península.

ö!mygood é unha das cadeas que están a levar o frozen yogurt por todas partes. A primeira, segundo a súa fundadora. Aínda que non é a única. Llaollao ou Smöoy son outras das redes que están levando o iogur xeado por toda a Península (franquiciado mediante). O produto base destas cadeas é o iogur servido dunha forma diferente e cuberto con toppings de tódolos sabores. Está moi frío, pero non é xeado. É algo diferente, cunha textura cremosa e que sabe a iogur. Pero moito máis estiloso, atractivo e divertido de comer que o iogur aburrido de toda a vida.

“Non ten materia graxa”, apunta Ana Picó. Na súa cadea usan iogur grego e leite desnatada como base e “elementos naturais”. Froita, chocolate ou muesli son algúns dos toppings que se lle poden poñer a esta nova delicatessen. Ana Picó promete ademais que o frozen yogurt ten “beneficios para a saúde”, xa que é unha moi importante fonte de calcio e, como é iogur, é moi bo para a xente con problemas estomacais. Pero iso deixámolo para comprobación co médico de familia de cada quen.

Os toppings de Smooy

E, aínda que a explosión empezou en Madrid e as localidades da costa de Levante, no noroeste non quedaremos sen a última delicia trendy. O frozen yogurt acaba de desembarcar en Galicia. Smöoy abriu este sábado en A Coruña (na rúa Bailén, número 3) e apunta xa na súa web a inminente apertura en Santiago de Compostela. Dende ö!mygood sinalan que xa están mantendo contactos con franquiciados en Galicia para abrir en 2012 ou, se cadra, a finais deste mesmo ano polo menos nun dos potenciais puntos da xeografía galaica.

“Non é unha moda”, confesa Ana Picó. “Está arrasando”. Segundo a responsable de ö!mygood, os que xa se apuntaron o iogur xeado fano sen “culpabilidade”. E “darse o gusto de algo” que é baixo en calorías e “un pracer sen remorsos”.

Sobrevivirá este – guilty?- pleasure o verán? Ana Picó teno clarísimo: farao. E este inverno prométenos que estaremos baixo o paraugas, coas katiuskas postas e o frozen yogurt na man.

Fotos |disquecool| Smooy

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará