Os 10 imprescindibles de Estambul


O mínimo necesario para ver Estambul como merece son 4 días. Se tes unha semana moito mellor, claro. Verás o imprescindible, pero tamén o prescindible, gozando de cada momento do paseo, tomando te e mirando ao mar. Pero que ocorre se tes so unhas horas? Como priorizar?

Coa guía Disquecool dos 10 imprescindibles de Estambul, non haberá (case) ningunha dúbida. Imos alá!

1. Palacio Topkapi

Coma o seu nome indica, é un palacio, lugar de residencia dos opulentos sultáns, onde tiñan unhas vistas privilexiadas ao Corno de Oro, ademais de xardíns de soño, múltiples pavillóns destinados a múltiples usos e detalliños en oro por aquí e acolá.

Merece a pena visitar o harén (aínda que se cobra aparte), onde transcorría a vida privada dos sultáns e familia, nunha sucesión de patios con fontes e habitacións luxosamente decoradas. O mellor, -aínda máis que a arquitectura, que é moito dicir – é alongar a orella sobre as historias truculentas que está a contar algún guía. Porque se en calquera dinastía as traizóns son o pan noso de cada día, imaxina nunha onde hai fillos lexítimos a moreas.

A visita leva ao menos tres horas. O meu consello é ir á hora de comer (sobre as 13h). Chegar ás 11:00 non só fai que esperes colas interminables, senón que tamén impide que veas algo alí escondido na marabunta humana.

2. Santa Sofia

Construíuse no ano 363 como catedral bizantina e posteriormente converteuse en mesquita. Hoxe só sirve para que os turistas admiremos a súa beleza e para que os gatos durman fresquiños no altar (ou como se chame o equivalente musulmán).

A miña guía (a da Lonely Planet) dicía que aínda que por dentro era incrible, por fóra non prometía demasiado, aínda que iso é ser moi exixente (mirade a foto e dicídeme). En todo caso, é moi certo que o interior é moi sobrecolledor: o seu tamaño -que é máis impactante por estar baleira-, a súa altura, a súa cúpula inmensa, os mosaicos dourados… fan desta ex-igrexa e ex-mesquita unha auténtica marabilla.

3. Mesquita azul

Estambul está chea de mesquitas (desde a outra beira do río é fácil confundir unhas con outras), pero a Mezquita azul chama a atención pola beleza azul (e branca e vermella) dos seus azulexos (agora estás visualizando unha igrexa portuguesa? Nada que ver).

Funciona hoxe en día como mesquita e non deixa de ser estraño ver a unha horda de turistas sacando fotos a ese tipos tan graciosos que andan a rezar dando golpes contra o chan (xúroo). Iso si, entramos todos cos zapatos na man e o velo na cabeza para ser respectuosos. Polo demais, seguindo o estilo otomano, hai coxíns arredor das columnas para que sentes no chan a descansar. Sénteste super chill out.

4. Gran Bazar

O gran mercado é interminable. Rúelas cubertas e descubertas repletas de tendas de prata, pel, telas, cerámica ou alimentación (aínda que si tes tempo, para as doces, especias e outros comestibles debería ir ao Bazar das especias, que non está lonxe) . O delirio do bo turista, vaia.

A parte mais divertida é regatear por suposto. Ti notas todo o rato que están a tomarte o pelo, pero decides que é parte dunha aprendizaxe vital, e tras observar coidadosamente a eses que parecen expertos, lánzaste sen saber moi ben cal é o xusto medio (e tirando tan a baixa que os pobres mercaderes néganse a vender).  Quen podería perderse isto!

5. Paseo en barco

Parte do encanto de Estambul está na súa situación. Mentalmente como porta entre Oriente e Occidente, e fisicamente como ponte entre dous mares (O negro e o de Mármara).  Recorrer o estreito do Bósforo en barco é unha experiencia moi recomendable, especialmente si se realiza ao anoitecer. Tras tanto correr de aquí para alá, podes ao fin relaxarte observando o belo skyline e tomando unha bebida.

6.  Hammam

Se o paseo en barco non era suficiente relax, que mellor que ir a un baño turco. Aínda que baño é moito dicir. Un tómbase no mármore fresquiño mentres sente como baixa a tensión como consecuencia de toda esa vapor de auga, e pensa que, ao fin e ao cabo, é un lugar ben bonito para realizar unha tradición milenaria. Ao menos si vas onda eu: Cagaloglu Hamani, baños históricos impecablemente decorados e encargados polo sultán Mahmut I. E como di a miña guía: “Un non ten moitas ocasións de pasear nu por un monumento otomano do século XVI”.

7.  Restaurante Pasazade

Ademais de ver, tamén hai que repor forzas, é un sitio fantástico se buscas comer ben (e segundo eles, comida típica otomana, co medo que poda dar esta afirmación) é o Pasazade. Os pratos son típicos mediterráneos, moi ricos, podes sentar tranquilamente nunha mesa na rúa, os camareiros son moi amables e o baño (non é que sexa importante, pero aquí déixoche o dato) non é que estea limpo, e que parece non ter sido usado xamais. E todo iso, barato! Así que que mais nos da que sexa para turistas?

Recomendovos o polo recheo de pistachos e herbas e o cordeiro con améndoas, pero todo tiña moi moi boa pinta.

8. Pasear de noite pola ponte Gálata

Xusto na metade da ponte, apóiate e observa as luces da gran cidade. Un luxo! E ademais, rodeado de ambientillo, porque a ponte está repleta de xente pescando, e nun dos lados da ponte improvisadas mesas e cadeiras tamaño infantil serven para que as familias senten a comer os peixes fritos que venden en múltiples postos. Ademais, polo chan se estenden un pequeno mercadiño con roupas, xoguetes e múltiples obxectos inservibles.

A un lado, queda Sultanahmet (o barrio histórico do que non saíramos ata agora), do outro, Beyoglú: a cidade moderna.

9. Torre de Gálata

Desde arriba hai unhas vistazas, pero a miña famosa guía dicía que máis valía buscarse unha terraza no ático dalgún bar circundante, así que eu fieime dela. A zona que rodea a torre, en Beyoglú, esta chea de tendiñas cool “de autor”, que como fan de Disquecool supoño que apreciarás. Xuventude, terrazas… o que se entende por un ambiente agradable e distendido.

Cerca de aquí arranca o Príncipe estambulino, con miles de Zaras e tendas varias, e sempre atestado de xente a pesares de seren unha rúa ben ancha.

Na zona tamén hai varios museos interesantes, como o de Pera, de arte oriental, pero ai amigo, temos que priorizar.

10.  Karakoy Gulluoglu

Aquí se comen os baklavas máis famosos da cidade.  E que é un backlava? A sobremesa típica, realizado cunha masa de noces, e que podes comer con diferentes recheos.  Pero tes que facelo de tarde, porque o malo deste lugar é que pecha ás 19h.

Evidentemente, Estambul é moito máis. Pero todo isto é, como mínimo, absolutamente imprescindible se visitas a cidade.

Fotos | Mikel Iturbe Urretxa y Vladimer Shioshvili

Shares

    Etiquetas

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *