Os bombardeiros de fío chegan á Coruña

Hai uns meses vos falabamos do movemento Urban Knitting, unha guerrilla artística que viste o mobiliario urbano con pezas de tecido realizadas en ganchillo ou calceta, e nos preguntabamos para cando algo así en Galicia. Agora xa vos podemos contar que o guerreiro romano da Domus, na Coruña, tivo o privilexio de converterse a primeiros de ano no primeiro obxectivo de Yarnbombing A Coruña, os ‘bombardeiros de fío’ que reivindican este movemento desde a cidade herculina.

O movemento xurdiu en Holanda no ano 2004, e desde entón viñéronse producindo accións en todo o mundo, moitas de xeito ilegal, e nalgunhas ocasións, como neste caso, co apoio de museos e institucións.

O obxectivo deste proxecto de Yarnbombing A Coruña foi a modificación da percepción visual da baía coruñesa a través dunha intervención nun punto singular da mesma. A elección desta estatua realizouse tendo en conta as súas dimensións abarcables, que ocupa unha posición visible desde todos os puntos da baía, e que se atopa dentro da rede de museos científicos. O aguerrido guerreiro puido así refuxiarse das xélidas temperaturas invernais grazas a unha mantiña feita de 140 cadrados de ganchillo e punto, de 20×20 centímetros cada un.

Detrás deste movemento coruñés de Yarnbombing, que reivindica o desenvolvemento da artesanía, o handcraft, fronte á industrialización dos produtos, están Lucía Ruiz de Aguirre (deseñadora de Peka’s World), Isabel Segura e Fernando Rei (deseñadores de Defectos Espaciales), e Chus Igrexas (deseñadora do Baúl de Vartina). O colectivo xorde a partir das quedadas Crochet & Friends, onde o grupo, que conta cuns 20 membros, se reúne para desenvolver e compartir os seus coñecementos en torno ao ganchillo.

En España existen grupos activos de Yarnbombing, ademais de na Coruña, en Zaragoza, Barcelona, Burgos e Madrid. Nesta última cidade este luns realizaron unha sorprendente e adorable acción: cubrir cunha manta de la a ‘Muller con espello’ de Botero, situada na Praza de Colón (coa colaboración, por certo, de Yarnbombing A Coruña). Neste caso as institucións non foron tan colaboradoras, e o Concello retirou o abrigo á pobre estatua. A reacción foi tal que #freemantita foi Trending Topic en twitter ese día a modo de protesta.

Yarnbombing Coruña from www.enimaxes.com on Vimeo.

Foto | Museos Científicos Coruñeses

Video | En Imaxes

Shares

7 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *