Peka’s World: moda para todas

Peka's World: Moda para todos

Entre fíos de cores, teas e patróns atopamos a Lucía Ruiz de Aguirre (Toledo, 1975), deseñadora e propietaria de Peka’s World. É sábado, e abre o seu showroom da coruñesa rúa Juan Flórez para presentar a colección primavera-verán. Xunto ao teclado do ordenador agarda un labor de ganchillo a medio empezar, a súa mellor terapia nestas últimas semanas de intenso traballo. En 2007 esta arquitecta que facía complementos para regalar á familia polo Nadal non imaxinaba que cinco anos despois estaría deseñando roupa e distribuíndoa por toda España, e incluso Alemaña. Cunha velocidade digna dunha máquina de coser Lucía cóntanos a súa historia e fálanos da súa nova colección, coa que segundo asegura volve ás súas orixes nun exercicio de sinceridade consigo mesma.

Como para moitas outras persoas, a crise foi un punto de inflexión na vida de Lucía. Tras estudar Arquitectura na Coruña comezou a traballar neste sector ata que a burbulla estoupou. Empezou a facer complementos, foi a un mercadillo, e vendeu todo. Decidiu montar un pequena tenda-obradoiro no Orzán. A cousa marchou ben e trasladouse a Federico Tapia, onde abriu unha tenda máis grande. “Seguimos crecendo e evolucionando, e coa última colección, houbo unha eclosión. Non me preguntes como porque aínda non sei como foi, pero o caso é que de súpeto comezaron a chover pedidos de tendas”, explica a deseñadora. “Comezamos a distribuír, e chegou un momento no que se estabas na tenda non podías estar no taller, polo que ao final decidimos pechar a tenda, dedicarnos a distribución e traballar o showroom de xeito puntual”. O showroom de Juan Flórez abre as súas portas unha vez ao mes, e o resto do tempo as prendas véndense por internet ou en tendas de Gijón, Sevilla, Vigo, Ourense, Ferrol, Vegadeo, Las Palmas de Gran Canarias e Frankfurt.

Peka's World: Moda para todosAdemais de deseñar, Lucía ocúpase do marketing e imaxe de marca e da localización de novos puntos de venda. A súa man dereita é Grial, a deseñadora adxunta, que xestiona o taller. Traballan externamente con outras persoas, como modistas, pero todas as prendas se confeccionan en Galicia.

O máis sorprendente desta marca é a amplitude do público ao que se dirixe, de entre 25 e 60 anos. “Con este rango de idade tes que ter unha serie de patróns básicos que funcionen tanto para unha de 25 como para unha de 60. Eu creo que é o que máis dificultade entraña do meu traballo, e ao que máis tempo e investigación teño dedicado. Creo que é o que máis distingue ás prendas que fago: un patrón que en aparencia é moi sinxelo conséguese que funcione para unha cantidade de xente moi grande”. Peka’s World traballa ademais cun tope de prendas por cada modelo, de xeito que cada tenda non venda máis de 8 ou 12 unidades de cada deseño, garantindo así certa exclusividade.

A colección primavera-verán que a marca acaba de lanzar é en palabras de Lucía “a máis evolucionada, e á vez unha volta ás orixes”. “Cando empecei a deseñar non o facía para min, senón para outra persoa, díxenme: vou pensar o que a xente demanda, o que lles fai falta e que podo ofrecer eu para facerme un oco”, explica a deseñadora. “Pero chega un momento no que te tes que sincerar, e esta colección é comigo mesma a máis sincera, a colección que eu me poría enteira, e é a primeira vez que me pasa iso. É unha colección moi sinxela, moi simple, na que creo que por fin conseguín retratarme a min mesma”. A impulsora de Peka’s World paradoxicamente sempre foi “bastante antimoda”. “Nas miñas coleccións non estou pendente do que di a moda, fago o que me apetece, son moi indisciplinada. Si teño que estar un pouco máis pendente no tema da cor ou do estampado-non estampado, pero no resto non me guío polo que di a moda, intento facer prendas atemporais, que poidan valerche hoxe e dentro de 5 anos”.

Ao algodón engade ademais nesta colección novos materiais como crepé, seda ou punto. A variedade esténdese tamén ás cores. “Hai de todo, teño a sorte de que por fin a cor se puxo de moda”, explica Lucía. Peka’s World conta ademais cunha colección de bolsos de ganchillo, “porque vai ser tendencia xa”. Pero este material é algo máis para Lucía, que recoñece que a “entretén e relaxa”. “Eu son moi nerviosa, e o ganchillo é unha vía de escape”. Tan “enganchada” está que forma parte da guerrilla Yarnbombing A Coruña, responsable de abrigar recentemente ao guerreiro da Domus cunha túnica multicolor.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *