Hai un mes que abriu en Tui unha tendiña estilo concept store na que atopamos roupa, complementos, vinilos ou obxectos de regalo (entre outras cousas) orixinais e moi “coquetos”. Ese tipo de cousas que sabes que non necesitas, pero aínda así queres levar para a casa.
Chámase Pía que pía, e a súa propietaria, Raquel Martín, explica que a creou á imaxe e semellanza das súas necesidades: “Hai moitas cousas que eu compro por gusto, e para min era moi difícil atopalas preto, e como eu, máis xente. Así, para mercar este tipo de artigos un pouco diferentes tiñas que achegarte ata Vigo“.
Xa non. Na tenda, decorada cun gusto feminino e naïf, atopamos sobre cómodas vintage e baldas todos os artigos dispostos, porque eles mesmos son decorativos. Así, a un lado veremos os bolsos e camisetas alegres e divertidos de Naranjas Chinas, outras prendas de roupa de MERC ou mochilas ilustrada de Depeapa, e doutro, todo tipo de artigos de regalo: caixiñas de estilo inglés de Wu&Wu, cámaras (e película) Polaroid, cubos Rubik ou teteras retro de Creative Tops.
Ademais, para os que non vivimos en Tui, conta cunha tenda online moi ben organizada. Os artigos chegan á casa en 24 horas, e hai que pagar 7 euros de gastos de envío, salvo en compras superiores a 60 euros, onde os gastos de envío son gratuítos.
Aínda que leva pouco máis dun mes, a tenda xa está a chamar moito a atención. En pleno centro histórico de Tui (rúa da Pía, 9), é difícil non reparar no interior tan coidado e cheo de cor de Pía que Pía. Unha fantástica razón (máis) para visitar Tui!