Así me colei nunha festa con moda e moitos famosos

Primeiro erro cando vas a unha festa da industria da moda: chegar con puntualidade case británica. Se habitualmente te moves noutros ambientes industriais, onde os retrasos están nos dez ou quince minutos pero non máis, terás que cambiar o chip. Chegar a unha festa do mundo da moda cedo pódeche condenar a entrar nunha sala hiper chic, cunhas palmeiras a modo de mediana, pero con moi pouca xente e que a túa condición de novata que se achega a unha columna co vaso de Fanta de limón (a que non agardabades unha bebida así?) na man chame máis a atención. Segundo erro cando se vai a unha festa así: non levar unha colega coa que comentar as xogadas e sobre todo que che diga quen son todos eses famosos que posiblemente estean ao teu arredor e que ti definitivamente non sabes quen son (maldicide por iso ao momento no que esta redactora deixou de ver a tele polas bondades do consumo á carta na rede).

Presentación da e-shop de Hoss Intropia

O bautismo de fogo de todo medio de tendencias está no momento no que pisa unha festa da industria da moda con famosos mainstream e cobertura posterior en programas de sociedade e revistas do colorín. Nós acabamos de facelo. O de colarse é unha licencia poética para o titular: hai unhas semanas chegou ao meu correo electrónico unha invitación para ir á festa de presentación da e-shop de Hoss Intropia, unha marca de roupa moi feminina, cun certo toque romántico e cuns prezos no medio-alto, tipo Dolores Promesas e que a introducen no grupo de marcas ‘máis-caras-que-Zara-e-que-che-fan-sentir-especial‘ pero non tan caras como para que sintas remorsos brutais de conciencia por pecar cun vestido ou unha camiseta (e non tan caras, sobre todo, como para non podas compralas nunca). Como contaba unha experta no mundo do luxo nunhas xornadas sobre blogs e moda na Escola de Organización Industrial recentemente, son estas marcas as que están crecendo máis forte, xunto coas de un luxo incrible e inaccesible. En conclusión: Hoss Intropia, unha marca de moda española romántica e feminina que moitas actrices españolas pasean nos estilismo best e do de revistas como ‘Cuore’ ou ‘Glamour’, é unha firma á que lle vai moi ben, que está tendo moito éxito e que ademais acaba de abrir unha tenda online, cuxa presentación era a escusa para invitar a prensa, famosos e bloggers de moda (disque nós!)  a unha festa nocturna e chic nunha macrodiscoteca de Madrid.

E aí é onde cheguei demasiado cedo, coa mesma roupa coa que pola mañá fora á presentación dun informe de resultados empresariais  auspiciado por un ministerio e sen saber moi ben que me ía atopar. O primeiro descubrimento é que ser da prensa é, como sempre esperou a miña irmá, unha condición única e especial que che permite saltarte toda clase de colas e aglomeracións. Toda esa xentiña que agardaba a ser atopados en listas quedou atrás cando pronunciei a palabra máxica: “prensa”. Só sentira unha sensación tan próxima a ser dunha caste superior nunha conferencia con Steve Ballmer, cando centos de fanboys de Microsoft (que existen e son belísimas persoas) agardaban facendo unha cola interminable que a prensa non tivo nin que cheirar.

Florrie, de Hoss Intropia

A proximamente famosa Florrie, de Hoss Intropia

A festa arrancaba ás nove da noite e ía incluír cócteles, deixarse ver e un concerto da percusionista británica Florrie, á que coñeceredes polo anuncio de L’Elixir de Nina Ricci e que é unha desas músicas que van estar en nada de moda. Florrie é a embaixadora do lanzamento da tenda online e fíxolles un vídeo especial para a promoción.

A parte de deixarse ver comezou con moi pouca xente (eu preto dunha columna, unha responsable de PR italiana preguntándome se era blogger de moda – que o meu total lock black and white e os meus zapatos con ollos non dicían outra cousa de min – e sendo incriblemente riquiña comigo) e acabou cunha chea de asistentes, moitos famosos que eu non era capaz de identificar polo seu nome e moita, moita, moita xente con looks dignos de calquera blog de outfits. Cousa que poderá chegar a pasar, por certo, porque as bloggers de moda de verdade (as que publican as fotos dos seus looks) viñan preparadas e traían ao mozo con super cámara ao pescozo con elas.

Por se vos preguntabades que se come nunha festa semellante, a pesar dunhas bandexas que circulaban con verduras sen cocer e salsas con aspecto moi vexetal (e que circulaban enteiras, todo hai que dicir), podo confirmarvos que o resto de canapés eran dignos de calquera gran evento, incriblemente deliciosos e que (por moito que asociemos o mundo da moda aos bichos-palo) podíase comer ata rebentar.

Como Cinsenta non quedei ata o final (aínda que a diferencia de Cinsenta eu levei o meu par de zapatos ao completo de volta a casa)  e non puiden quedar a ver e escoitar á proximamente moi famosa Florrie. Marchei cando o reloxo tocaba as once e mentres na rúa aínda agardaba xente por entrar. Por se non o sospeitabades, cando tiven un ordenador e internet diante, unha media hora despois,… merquei na rede un vestido de Hoss Intropia.

Fotos | Facebook oficial Hoss Intropia | Hoss Intropia

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *