OMG: Kling chega á Coruña

Kling a coruña Disquecool 2Unha nova entrada súmase á lista de cousas polas que me podería mudar á Coruña (conseguindo, seguro, que me borrasen do libro de nacementos de Santiago de Compostela e que me impedisen á entrada por sempre que, xa sabedes, amigos, o que se di amigos, non podemos ser): dende hai un mes (día arriba, día abaixo) teñen a súa propia tenda de Kling, a marca de roupa que polo volume de artigos que lle adicamos xa sabedes que sentimos certo entusiasmo. Ata agora, Kling estaba presente en Galicia vía tendas multimarca e versión ecommerce da propia firma. Dende agora teñen aquí tamén tenda física, unha das primeiras que abren fóra do binomio Madrid / Barcelona.

Kling está nese cuadrante fashion da Coruña onde parece que se están posicionando todas as tendas cool da cidade, como pequenas boutiques de roupa distinta, nomes interesantes do mundo da moda como Hoss Intropia ou cafés decididamente bonitos como Pandelino.

Ao carón xusto da Praza de Lugo, Kling ocupa un baixo de tamaño considerable (era, por se vos vale de referente, onde antes estaba Sita Munt), que permite acceder ás diferentes coleccións da firma. No Kling da Coruña non só están as coleccións de outono (saíndo xa) e a (entrante) de inverno, tamén hai un expositor para Clean e para a nova colección de roupa para home, unha das últimas novidades da marca. E, claro está, tamén os zapatos e os bolsos da última colección.

Por suposto, a chegada de Kling á Coruña tivo festa de celebración. Para inaugurar o novo establecemento houbo unha festa por Halloween/Samaín o pasado 31 de outubro. E si, alí estivemos. O reclamo dunha nova tenda e a promesa dun gin tonic de Nordés foron argumentos máis que suficientes para coller o tren (a pesar da folga) e viaxar á Coruña (a pesar da chuvia).

A festa contou con DJs en directo e serviu de escusa para coñecer á nova tempada que anda chegando ás tendas (e no caso de dúas señoras, que ben as vin eu, para entrar a cotillear; unha dicíalle a outra que algún que outro vestido era como moi dos sesenta. E dicíao con bastante admiración).

Kling está en Padre Feijóo 4, A Coruña 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *