Pandelino: panadería, cafetería e tenda gourmet

Pandelino A CoruñaAtopar sitio en Pandelino non é doado. Pese a levar apenas medio ano de vida, esta cafetería, panadería e tenda gourmet xa se ten convertido no local de moda da Coruña. E razóns non lle faltan, a principal, unha coidada e acolledora decoración que nos transporta ás bakery shops de cidades como Londres ou Nova York.

Pandelino A CoruñaMadeira, cores cálidas -moito branco-, teitos altos e obxectos vintage confiren ao lugar calidez e naturalidade, invitando a sentarse e gozar dun almorzo, un xantar, un brunch ou unha merenda. Ao atravesar a porta atopamos a panadería e unha tenda con produtos gourmet e ecolóxicos: marmeladas, infusións, chocolates, aceites, viños, decoracións para cupcakes… A continuación, mesas altas, baixas, comunais ou con bancos acolchados crean diferentes ambientes na zona de cafetería e restaurante, onde tamén se atopa a barra, repleta de apetecibles sobremesas. Pandelino tamén conta cunha pequena terraza, cuberta para resgardarnos dos días de chuvia.

A carta ofrece exquisiteces para calquera momento do día: todo tipo de doces para o almorzo e a merenda e diversas opcións para o xantar: ensaladas, bocadillos gourmet -ventrecha e hummus, roast beef e setas confitadas ou bagel de salmón con tomates-, tartaletas, quiches, risotto e outros arroces, pizza de rúcula, mozzarella e tomate seco, e unha hamburguesa de tenreira galega, queixo de Arzúa, tomate do país, leituga e patacas de Coristanco. As fines de semana tamén ofrece dous tipos de brunch (17,50 e 13,50 euros), que rematan cunha copa de cava ou un Bloody Mary. Ademais podes facer reservas para tea parties, celebrar aniversarios ou encargar tortas.

As pegas: debido á popularidade do lugar sempre esta cheo e resulta moi ruidoso, impedindo gozar da súa atmosfera e menú. O peor é o servizo, lento e desastroso -polo menos esa é a nosa impresión e a de moitos usuarios de Foursquare-, algo que desloce a experiencia.

Pandelino  A Coruña

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *