Algunha vez soñaches con voar? Hai un lugar no norte de Portugal onde podes facelo. Chámase Pena Aventura, un parque de 16 hectáreas dedicadas aos deportes lúdicos e a aventura onde persoas de todas as idades poden descargar adrenalina ou simplemente gozar da natureza. A atracción estrela é o Fantasticable, o maior cable colgante do mundo, situado a unha altura de 150 metros, que nos permite sentirnos como paxaros ao deslizarnos en posición horizontal polos seus 1.530 metros de lonxitude, dunha montaña a outra, sobre as árbores e a estrada.
Durante o percorrido polo Fantasticable podemos acadar unha velocidade de ata 130 km/h. Deixarse levar pola gravidade a esa altura impresiona (e moito), pero a experiencia resulta sumamente agradable e tranquila. Por iso esta atracción é apta para case todas as idades, desde nenos a partir dos 35 kg a todo tipo de adultos (ata se chegou a tirar un ancián de 87 anos!). Polas súas características tamén é accesible a persoas con discapacidade, algo que subliñan en todo momento os responsables do parque.
Para aqueles que busquen emocións máis fortes, o salto negativo non defrauda. Pensa en algo parecido a deixarse lanzar desde un tirapedras. Os participantes están suxeitos por dúas cordas que se tensan, para despois ser lanzados en sentido vertical invertido a 15 metros de altura nun segundo -o que segundo afirman na web do parque equivale a nada máis e nada menos que a 500 km/h-. A adrenalina por suposto está garantida.
En Pena Aventura tamén podemos dar renda solta ao noso espírito competitivo e aniquilador no campo de paintball, practicar a escalada e facer tiro con arco. Os percorridos de aventura son outra divertida opción, que pon a proba as nosas habilidades en altura, invitándonos a cruzar pontes colgantes entre as árbores e deslizarnos en tirolina. Hai tres niveis: dificultade media, elevada e infantil.
Tamén son numerosas as actividades relacionadas coa auga. A máis espectacular é o descenso de canóns, pero ademais é posible practicar piragüismo, rafting e stand up, unha variante do surf que consiste en manterse en pé sobre unha táboa e desprazarse pola auga coa axuda dun remo. A oferta complétase con percorridos en Segway e en vehículos todoterreo. Para os máis pequenos hai distintas actividades, como trampolíns, minigolf e percorridos de aventura infantís.
Pena Aventura sitúase en Ribeira da Pena, a menos dunha hora de Verín, polo que é unha boa opción para pasar a fin de semana. O parque tamén é destino habitual de moitas despedidas de solteiros/as, que buscan festexar dunha forma diferente.
Estupendo artigo se non fose porque falta o aspecto negativo deste impresionante lugar: É completamente adictivo!!