Unha breve historia da moda nun museo en Allariz

museo da moda allariz

A industria da moda é unha das máis importantes de Galicia nos tempos contemporáneos, máis alá de Inditex. Hai moitas marcas pequenas á marxe de Inditex e outras non tan pequenas con proxección internacional. Sen embargo, non sempre foi así. A industria da moda galega pasou por diferentes etapas, pero no único momento no que tivo certo éxito foi nos momentos previos á Revolución Industrial, cando Galicia se converteu no vendedor de liño a bo prezo. O liño era convertido en teas nas casas e o tecido industrial era moi feble, polo que cando chegou o algodón e a produción en masa de tecidos inventada polos ingleses a industria téxtil galega esmoreceu e desapareceu. Si, seguíanse a facer tecidos nas casas. E si, seguíase a tecer para consumo propio. Pero non era había unha industria da moda como tal. Todo isto o conto para explicar por que, se cadra, en Galicia non hai unha tradición museística da moda. Ou interese máis ou menos académico pola roupa. Aínda que a roupa é moito máis que simplemente o que botas por riba. A moda é unha expresión cultural máis e moitas veces di moitas máis cousas do que pensamos do mundo no que estamos.

O baleiro museístico no mundo da moda en Galicia podería estar chamado a desaparecer. Nos últimos anos tivemos xa unha exposición de Balenciaga e un crecemento no interese que despertar a roupa. Allariz acaba de inaugurar ademais un Museo da Moda, que ocupa un antigo palacete da zona vella da localidade e que recupera parte da historia da moda en Galicia. O museo é pequeno e accesible, apto para todos os públicos (cando o visitamos acababan de abrilo e aínda faltaban algúns rótulos) e pretende mostrar dun xeito máis divertido que académico o variar da moda en Galicia. O museo arranca cun vídeo no que se conta moi brevemente a historia do liño e sobre todo o papel que Allariz tivo no seu comercio. Allariz era un dos puntos quentes desa produción de tecido de liño da Galicia de hai uns séculos.

O museo fai logo un percorrido pola evolución do vestido e a súa comercialización nos últimos séculos, mostrando cada un dos períodos históricos nunha tenda de época. Así, a zona de exposición é unha rúa comercial na que conviven varios tempos. O final é unha gran sala na que, como se fai nalgúns museos europeos (non é o habitual nos museos da Península), se pode xogar, tocar e probar todo o que hai en exposición. Varios maniquís mostran vestidos de diferentes etapas da moda que só hai que sacar e botar enriba para saber que se sentía co vestiario de antano.

O Museo da Moda de Allariz está na Rúa do Portelo

Foto | Concello de Allariz

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *