Cristóbal Balenciaga é un home misterioso. Na época na que na Wikipedia unha pode ler practicamente todo sobre a vida e milagres de calquera personaxe, Balenciaga mantense no discreto encanto da biografía de dúas liñas. Nacido en Guetaria, no 1895, e morto en Xábia, Valencia, no 1972, era o fillo dun pescador e dunha costureira. A súa nai ensinoulle as primeiras regras do oficio, o traballo nunha casa de modas importante de Donostia deulle as bases como xastre e a sorte de estar no lugar adecuado no momento xusto e co talento preciso fixo del un dos grandes mestres da alta costura do século XX.
A primeira tenda abriuna no 1914 e conseguiu que as raíñas, as princesas e as damas da corte que ían ao norte a pasar o verán se volvesen tolas cos seus vestidos. Logo deu o salto a Madrid e a Barcelona, sobreviviu á II República (pensade que para el, por moi emocionante que a época fora, non foi un bo tempo… as súas clientas partiran ao exilio!) e escapou á Guerra Civil partindo a París. Alí foi onde o nome de Balenciaga se fixo grande e é neses anos onde arranca a exposición de fotos e vestidos do gran modisto vasco que se pode visitar na Fundación NovaCaixaGalicia en Santiago de Compostela.
En total, nove vestidos orixinais asinados por Balenciaga, que recollen dende un vestido de voda dos anos 40 (que a súa propietaria tuneou para usalo como vestido de noite) ata un icónico abrigo, poden ser vistos e admirados. Acompañan 60 imaxes do fotógrafo de moda Manuel Outumuro, quen foi comisionado pola fundación que recolle a memoria do modisto en Guetaria para plasmar en imaxes os seus fondos. As imaxes recollen a impresionante calidade dos tecidos, o encanto dos deseños e a modernidade dunha roupa nacida hai xa máis de 60 anos.
“A min se mos deran aínda os poría”, dicíalle unha xubilada engalanada á súa amiga coetánea mentres visitaban a exposición. O sorprendente non é que esas mulleres – contemporáneas do boom dos traxes de Balenciaga, que non decaeu ata que a finais dos 60 deixou o traballo ante o auxe do prêt-à-porter e a xa non obrigada roupa de taller – sentisen que aqueles traxes eran dignos de volver a ser vestidos, senón que calquera visitante pode sentir que esa roupa está de rabiosa actualidade. Chamádelle febre vintage, botádelle a culpa a ‘Mad Men’ por recuperar esa estética de elegancia retro ou asumide que uns deseños como eses e unha calidade coma a que se podía ver en costura e tecidos fai a cada peza case inmortal.
Os traxes de Balenciaga custaban, usando unha expresión da súa época, un sentido, pero aí persisten, elegantes e desexables, o paso do tempo. A exposición é unha avalancha de nomes de tecidos que levan a ensoñación, como tafetá ou shantun
*A exposición estará na rúa do Vilar ata o 23 de xuño. A entrada custa 2 euros e si paga a pena. Hai visitas guiadas pero só se hai demanda: hai que chamar, dicir que se está interesado en visitar a exposición con guía e a fundación xa avisará cando chegue o momento.
Foto | Fundación NovaCaixaGalicia
1 comentario