Pose: temos unha app para street style!

Repetide como un mantra: there is an app for that. Hai unha app (moi retranqueira) que che di se os pementos pican ou non (os de Padrón, claro, os demais tanto ten). Hai unha app que che permite saber se estás a punto de morrer intoxicada por tanto café. Hai outra app que conxuga os verbos ben. Hai unha app que che di de que árbore caeu unha folla só con facerlle unha foto. E así ata a eternidade. Se hai apps para todo, absolutamente todo, como non ía existir unha app para o mundo do street style?

Chámase Pose e é unha mestura entre rede social, aplicación e outfitters (por isto último a atopades na sección de moda e non na de tecnoloxía, aínda que monta tanto). Se os blogs de moda se converteron na nova praga da rede, por que non ían facelo no teu smartphone? A aplicación une a persoas interesadas na moda, que comparten os seus looks, poden dicir o moito que lle gustan os doutros usuarios e poden levar o que comparten en Pose aos seus outros perfís en redes sociais. Digamos que é como se colles Pinterest, eliminas a todos os que soben fotos de vodas e cupcakes e ademais só deixas que os que estean dentro participen. Un Pinterest menos final feliz dunha peli de Katherine Heighl e con candado. Unha festa trendy só para artistas invitados.

Claro que conseguir a chave para entrar neste mundo fashionista non hai que facer moitos esforzos: descargas a app (para Android, para iOS) e fas unha conta. Se che da preguiza inventarte un novo nome de usuario e un contrasinal sempre podes coller e loguearte con Facebook.

Acabarán as apps cos blogs de moda? Acabará esta app cos blogs de outfitters? Pose ten unha chea de caras famosas e poderosas no mundo da moda, como a estilista Rachel Zoe ou a blogger Man Repeller, e ten a marcas, como Levi’s, facendo os seus propios perfís na rede social. Todo funciona a ese lado do Atlántico, non a este, pero pensade que cando Scott Schuman montou The Sartorialist no 2005 en Nova York (cando deixou o traballo para coidar á súa filla) nós aquí aínda estabamos case co Fotolog. E  mirade logo a que se montou: non hai medio de moda que non teña un blog de street style nas súas versións online. E The Sartorialist só foi o principio desa procura do estilo do común, do estilo diferenciado da masa. Daqueles barros veñen estes lodos. E aquí estamos todos a analizar como nos vestimos os seglares para determinar cara onde irá o mundo da moda.

Foto | Pose 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará